«A de Vimianzo é unha desas carreiras das que se goza»

Antón Lestón
Antón Lestón CARBALLO / LA VOZ

VIMIANZO

ANA GARCÍA

O Correndo pola Costa celebra hoxe na capital de Soneira a segunda proba da súa décima edición

12 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A décima edición do Correndo pola Costa da Morte celebra hoxe en Vimianzo a súa segunda proba. Será a partir das 17.00 horas cando comece a actividade co entorno da Casa da Cultura como centro neurálxico debido ás obras na Praza do Concello, que tamén obrigarán a unha mínima modificación dos percorridos, que atravesarán a rúa Rosalía de Castro en vez de pasar por diante do consistorio.

«A de Vimianzo é unha desas carreiras das que se goza, case sen costas e moi plana, axeitadísima para os que empezan a correr», explica o participante local Carlos Gómez, xerente ademais do Celme. O hostaleiro xa participara nalgunha carreira pedestre da zona no 2007 e retomou o ánimo hai dous anos grazas ao bo ambiente que percibía no circuíto: «É unha pasada, non sei entre os que van diante, pero os que imos atrás rimos, falamos, animamosnos... Pasamolo verdadeiramente ben e, ademais, incita a que me prepare, adestrando e coidándome».

Tamén incide na importancia deste evento para o comercio local: «Esta vez cadra ca Semana Santa, pero sempre reactiva e dinamiza todo».