O auditorio vimiancés afiánzase como Residencia Artística

La Voz CARBALLO/ LA VOZ

VIMIANZO

O novo espectáculo da compañía aAntena, «Sol Fuerza», está acabando de xestarse na Casa da Cultura

05 feb 2025 . Actualizado a las 23:19 h.

O auditorio da Casa da Cultura de Vimianzo gaña posicións como espazo de residencia artística. Con estrea recente no ciclo Residencias Paraíso e tendo acollido xa antes outras propostas, neste arranque do 2025 está dando cabida á produción de Sol Fuerza, o novo espectáculo da compañía aAntena, baixo a dirección de Xosé Leis. Así, dende finais de xaneiro e ata o mes de marzo, o auditorio da capital de Soneira serve como espazo de traballo e experimentación para a compañía, que ultima os detalles dunha proposta cuxa estrea está prevista, como non en Vimianzo, para o 22 de febreiro. Un día antes, a xeito de preestrea, poderán gozar da sesión alumnos do instituto Terra de Soneira. Cun elenco integrado por Lucía Veiga, Manu Fernández ou Virxinia Bermúdez, como xa se deu a coñecer, quixeron departir cos integrantes do equipo a alcaldesa, Mónica Rodríguez; a edila de Benestar Social, María José Pose, e a técnica de Cultura, Nieves Lema. Puideron así coñecer o seu traballo de primeira man.