Manuel Manquiña: «Son aberto como espectador e como actor»

P. BLANCO / F. RODRÍGUEZ CARBALLO / LA VOZ

VIMIANZO

Santi M. Amil

A viva voz | Referente do audiovisual e do teatro galego, actuará mañá en Vimianzo. Trae a Soneira unha de teatro: «Todo nunha noite», con Sabela Hermida 

01 mares 2024 . Actualizado ás 12:34 h.

Teatro de altura o que se poderá ver esta fin de semana en Vimianzo. Quen mañá visita a capital de Soneira non é outro que Manuel Manquiña (1953). Non virá só, senón acompañado doutra grande actriz, Sabela Hermida, e xuntos subirán ao escenario Todo nunha noite, a nova montaxe da compañía Abismo Caracol: 20.30 horas, auditorio da Casa da Cultura. As entradas poden mercarse en woutick.es —10 euros— ou ben dende unha hora antes da función, na propia Casa da Cultura. Falou onte Manquiña en Radio Voz:

—Pasaba este verán por Malpica co seu grupo, Los Fabulosos Weekend, e agora volve a Vimianzo. Querémolo ben aquí, e Manquiña quere ben esta terra.

—Son vigués, e cando descubrín a Costa da Morte era unha zona que aínda traballaba pouco porque daquela non había as comunicacións de hoxe. Cando vivín na Coruña, dende o 76, vinte anos, unha noite alguén me dixo: ‘Pero non coñeces Caión? Non coñeces Malpica?’ E levoume nun Dyane 6 [ri] a coñecer dunha tacada toda a Costa da Morte, ata Fisterra. Foron horas... Así foi como a descubrín, e así namorei.

—En «Todo nunha noite» hai risas, crises vitais, alcol...

—Esa é a propaganda da produtora! Todo nunha noite é un pouco metateatro, é unha xuntanza na casa dun director de teatro o día seguinte a unha entrega de premios, unha xuntanza entre el e a súa actriz fetiche. Ela sempre foi recoñecida como actriz cómica e ten a frustración de non ser recoñecida publicamente como actriz dramática. E entón el fálalle dunha nova montaxe na que lle farán unha grande esixencia como actriz dramática. O texto falará das miserias que todos temos, das liortas cos amigos, coas familias... Empeza cunha conversa sobre temas cotiás e remata descubrindo ese diaño que algúns levamos dentro. Temas de actualidade, por máis que se basee en textos clásicos. Ofrécelle á actriz, pois, representar un diaño.

—Din que é máis complicada a comedia que o drama.

—Diso falamos tamén na obra, como non! Facer rir é complicado. Como actor e monologuista que tamén son, créame unha tensión o monólogo que non me crea unha representación teatral.

—Como vai a estrea?

—As últimas funcións foron en Vigo e Padrón, e resultaron moi ben. É unha obra esixente como actores. Non facemos cabriolas, é unha obra de texto con certa complexidade, haino que ter solto, e claras as emocións. De aí os ensaios para manter a tensión. En Vimianzo, antes de actuar, pasaremos todo o texto cun ensaio.

—É vostede o autor do texto. Como é escribir para un? Que foi primeiro, pensar como escritor ou como actor?

—[Silencio uns segundos]. Como actor. Esta obra estaba pensada para dous actores, dous amigos que quedan un sábado e, aínda iniciando a conversa de forma frívola, acaban falando de cousas das que non pensaban que ían falar. O actor no que eu pensaba non puido facelo e o director da función, Darío Autrán, propuxo que pasasen a ser un director e unha actriz. O texto non varía. Mentres nós estamos falando agora mesmo vexo as novas: invasión de Gaza, de Ucrania, corrupción do caso Koldo... Estamos envoltos nunha realidade que nos supera. Volvendo á obra, veu inspirada pola lectura de Los hermanos Karamázov, de Dostoyevski. Temas que se manteñen sempre vivos, a perversión do ser humano, a maldade, quen a aguanta ou quen a desenvolve para o seu beneficio.

—Diríxeos Darío Autrán, premio recente en Nova York como mellor director teatral. Un motivo máis para ir a Vimianzo.

—Traballei con el anteriores proxectos, empatamos axiña, el máis novo ca min. Repetimos a experiencia de Relatos negros, presenteille o proxecto e el dirixiu e produciu. Tamén o fai así no seu cine, atrevido, moi punki.

—Como enfrontaría como espectador o ir ver «Todo nunha noite»?

—Sabendo que non vou ver o Manquiña de Era visto! Vanse rir ás veces, pero non é exactamente un comedia. Tampouco un drama, pero si unha obra seria.

—Din que o humor de Manquiña é intelixencia e algo de barbarie.

—Quen dixo iso?! O que me gusta é darlle a todos os paus, podo disfrutar do humor de Los Morancos e do inglés. Creo que teño poucos prexuízos. Apetéceme tanto un espectáculo serio como un de comedia, outro de comedia chabacana... Son aberto como espectador e como actor. Pouco antes desta chamada preparaba un álbum con música que me leva acompañando toda a vida, a veces preciso escoitar rock&roll e outras Heroica, de Beethoven. Ou unha rancheira! (...) Somos unha sociedade [a galega] máis rica, complexa e variada do que os tópicos nos queren representar. Constantemente sorprendemos polo que somos capaces de crear, en todos os campos. Temos un prurito, unha tranquilidade, unha calma, que nos sitúa nunha disposición avanzada para conseguir cousas, en audiovisual ou en teatro somos potencia. E dígoo baixiño, porque tampouco somos moito de ostentación.