A asociación Neira Marcos de Salto renova presidencia tras 20 anos

p. B. M. CARBALLO / LA VOZ

VIMIANZO

BASILIO BELLO

Son varios os cambios na xunta directiva da entidade, que inica un nova etapa

21 dic 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Algo máis concorrida do habitual foi onte a asemblea da asociación Neira Marcos de Salto (Vimianzo), celebrada na igrexa de Castromil, precisamente para ter maior espazo e facilitar que se gardasen todas as medidas de prevención ante o covid. O motivo desta afluencia non era outro que a renovación da directiva, o que supuña a despedida de históricas da entidade, con vinte anos de prolífica traxectoria en iniciativas diversas, os mesmos que elas levaban no equipo reitor.

Matilde Mira Pérez, socia desde o inicio, e ata agora xa vocal, será a nova presidenta, en substitución de Teresa Ferreira: xa nos últimos tempos viña encargando dunha peza fundamental da entidade, a do baile galego, no que agardan poder recuperar as clases cando o covid permítao. Beatriz Pazos asumirá o cargo de secretaria, no que estaba ata agora Bielca González; mentres que Rocío Santos Vidal entrará como vogal, en lugar de Rosa Sánchez, quen inicialmente xa fora secretaria tamén. Como tesoureira, segue Rosa Pose López. Vicepresidente nato é o párroco, Alejandro García. O acordo nos cambios foi total.

Todo iso o detallaba onte Teresa Ferreira, horas despois da asemblea. Explica que tanto a súa como a de Bielca e a de Rosa Sánchez é unha renuncia voluntaria motivada só polo desexo de que na entidade entre aire novo, xeracións máis novas. De feito, lembra que hai unha praza de vogal que segue vacante, por se alguén desexa animarse. O seu desexo de dar paso a outra etapa é algo que xa viñan madurando e trasladando desde hai tempo, así que o feito de que teña habido incorporacións novas, as de Beatriz e Rocío, porque Matilde xa estaba na directiva, é motivo de felicidade e agradecemento para Ferreira. Non oculta, tampouco, a súa emoción. Foron vinte anos intensos, de moita actividade, polos que se senten orgullosos, di Teresa , presidenta de Neira Marcos desde os seus inicios: «Desexo unha estupenda andadura neste novo tempo da asociación, polo menos outros vinte anos. Se algo precisan, aquí estarei».

Melloras no local e libro

Antes de pasar á elección de nova directiva, deuse conta onte do feito no curso 2019/2020. Debido á pandemia do coronavirus, este 2020 non puido ser moi prolijo en actividades, aínda que algunha houbo, e tamén levaron a cabo obras no local parroquial que usan como sede. Arranxos que permiten ter un espazo en mellores condicións: mobiliario a medida, amaño da fachada, intervención sobre humidades... Os asistentes á asemblea puidéronse levar a casa, ademais, un exemplar do libro de receitas editado e impreso pola asociación, dentro do proxecto Saberes de Aldea, apoiado pola Deputación. O libro farase chegar a todos os socios. Ferreira lembrou onte ao primeiro mestre cociñeiro que tiveron, Perfecto, fai vinte anos, ao que despois sucederían outros profesionais. Quixo lembrar así mesmo a Teresa Mouzo, outra das socias fundadoras de Neira Marcos, falecida no 2009: «Nos nosos corazóns segue moi presente».