Os pais dos neboeiros

Natalia Lema Otero ECOS DÁ GÁNDARA

VIMIANZO

19 oct 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Así titulaba hai uns anos o seu libro Anxo Brea, un poemario exquisito de creacións en portugués que dan boa conta de lendas, bardos e quimeras. Un día pregunteille a razón do título. Comentoume que viña dado porque, todas as mañás cando conducía para dar clases e entraba en Vimianzo, todo era néboa.

De Brandomil para a nosa parte, é verdade que todo está envolto nunha densa fumareda que se pousa sobre a estrada. En mañás de invernía, semella un manto branco e con vida propia que se move sobre o asfalto.

O patrimonio intanxible do noso pobo é a tradición oral, a danza, a música e quen sabe, tamén a néboa que nos define entre o onírico e o real coma un feitizo. O mes de outubro ten unha luz fría e especial, o paradigma do fin do verán e o preludio do inverno e as xeadas. Que trazo máis enxebre e definitorio de seu.

A contaminación e o cambio climático ameazan trazos climáticos coma estes dado que, ou ben os degradan, ou os acentúan a destempo. Por iso, é imprescindible valorar cada vez máis as paisaxes que damos por feitas. Ultimamente, non sentimos nin o cuco cantar, leva varios anos que nin os máis maiores o escoitan. Tampouco os paxaros carpinteiros se oen coma antes picar nos piñeiros e nin falemos dos pardais, os merlos, os corvos ou as pegas mansas. Desapareceron tal cantidade de exemplares que é difícil observalos e escoitalos en total plenitude.

O mundo que sementemos será o que colleiten as xeracións vindeiras. Sería moi triste que eles non puiden ver os bancos de neboeiros ou escoitar os paxaros os días que se casan, como din os vellos. Por iso, é tan importante saber como camiñar en terra con paso firme como ollar de cando en vez as cores que asoballan os ceos.