
Fundación Pondal, Casa da Muller e Monte Branco impulsan un intenso programa con actividades que se estenderán dende o 22 de setembro ao 19 de decembro
14 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O universal é o local sen paredes, deixou dito o escritor portugués Miguel Torga. Non pode un coñecer o universal se non coñece o local, o que ten máis próximo, ao carón, ten reflexionado o escritor Manuel Rivas. Con isto ben se pode deducir que unha boa maneira de empezar a mellorar o mundo é empezar por nutrir a vida do arredor. Fundación Eduardo Pondal (FEP) e as asociacións Monte Branco e Casa da Muller así o tratan de facer cun intenso almanaque de outono que aglutinará propostas entre o vindeiro 22 de setembro e o 19 de decembro, facendo do Couto, en Ponteceso, «a aldea das artes, das letras e da vida». Teñen para iso a colaboración de organismos diversos, como a Consellería de Medio Ambiente; a de Medio Rural ou a de Cultura, Lingua e Xuventude, mais tamén a Axencia Galega de Innovación, Deputación, Concello e Fundación Juana de Vega.
O Ministerio de Cultura, cómpre engadir, vén de seleccionar ademais, como proxecto de salvagarda do patrimonio cultural, a iniciativa Regueifa: poesía de repente. Igualmente da man da FEP, trátase dun documental que abordará esta arte de improvisación oral en Bergantiños, pasado e presente, riqueza e variedade, pontes con disciplinas máis modernas como o rap e, en definitiva, un apartado valiosísimo do patrimonio inmaterial galego. «Un documental atractivo e accesible» que tería como director a Omar Rabuñal, tamén responsable das gravacións e montaxe. Con previsión de estrea nas Festiletras do 2026, comezaría a filmarse este mesmo outono, logo dunha fase inicial de investigación e contacto con protagonistas.

Participación no Congreso Piñeiros
A Cidade da Cultura, en Santiago, acollerá o 28 de outubro unha nova edición do Congreso Piñeiros, un encontro intersectorial organizado pola Fundación Arume de Galicia. Nel terá presenza a Fundación Pondal a través dun traballo audiovisual coa que rescataron a memoria da madeira nesta comarca, todo un sector de desenvolvemento no seu día. Os rumorosos de Pondal terán voz no encontro coa interpretación do Himno por parte de Irma Macías.
Casa da Muller
O novo curso coa asociación A Casa da Muller botará andar o vindeiro 22 de setembro, cunha merenda presentación ás 17.00 horas, na sede da Fundación Pondal. Entre esta xornada e o 20 de decembro, con sesións de luns a venres entre as 16.00 e as 19.00 horas, haberá opción de achegarse á costura, memoria, xadrez, cociña, teatro, pirogravado, lectura, cestería, informática e novas tecnoloxías, fotografía, calceta e crochet, mindfulness, ximnasia de mantemento e pintura. A isto habería que engadir pequenas charlas en materia de saúde e de consumo, así como saídas culturais coas que dinamizar a formación dos participantes. Todas elas son propostas gratuítas.
Escola da tradición: Queixumes
Nace no Couto unha escola da tradición, Queixumes, suma de vontades de Fundación Pondal, Casa da Muller e Monte Branco. Como obxectivo, que a música tradicional galega «non teña límites nin idades». Un espazo para persoas de 0 a 100 anos que queiran aprender e gozar, con obradoiros de iniciación e perfeccionamento, segundo sexa o nivel. «O noso persoal cualificado garante unha aprendizaxe de calidade, con respecto á tradición e cunha mirada aberta ao futuro», comunican. Profesionais e artistas sumarán clases maxistrais ao longo do curso. Dirixirá Queixumes Silvana Martínez. Como mestres, Esther Suárez, Adrián Méndez ou Laura Nantón. Percusión, pandeireta, gaita, acordeón e baile. Ritmo e movemento, con Sara Varela, e acordeón con Sindo. Inscricións no 641 103 702.

O saber da ciencia
Hai xa ben anos que a Fundación Pondal abriu camiños cunha iniciativa pioneira, as Aulas Científico-Tecnolóxicas Isidro Parga Pondal. Na aldea das letras sempre se lle deu lugar á ciencia, e a divulgación dese saber segue presente curso tras curso. O 4 de outubro é a data referencial para o arranque dunha nova experiencia, que incluirá, entre outras propostas, xornadas dedicadas á divulgación, un encontro anual de comunicación da cultura científica ou aprendizaxe en torno á cartografía e paisaxe, aspectos nos que o territorio pondaliano ten moito que dicir. O alumnado contará para iso coas nocións de técnicos do Instituto de Estudos do Territorio (IET). Ciencia para coñecer mellor a contorna que se habita.

Covas Célticas
A xeito daqueles encontros intelectuais para analizar e debater cuestións diversas que afectaban a Galicia, tamén a lareira máis literaria, a da Fundación Pondal, acolle Covas Célticas con voces autorizadas. Con datas aínda pendentes de concretar, pasará por elas o realizador, guionista, editor e director Omar Rabuñal. Atesoura tres lustros de recollidas de saberes en documentais gravados en Bergantiños e «Saberes», precisamente, foi o seu último traballo, testemuñas de maiores de 65 anos, sobre oficios doutro tempo. Tamén acudirán ao Couto o escritor Xabier Maceiras, para falar arredor do Seminario dos curas Mato, historia local, e Manuel Rico, bo coñecedor de patrimonio musical, neste caso arredor de Adolfo Anta e Saturnino Cuíñas.

Aldeas singulares
As Festiletras veñen xuntando nos últimos anos testemuñas de aldeas que loitan polos seus valores e potencial. Neste senso, o proxecto O Couto Florido será presentado este vindeiro 16 de setembro en Tesalónica (Grecia) como caso de éxito en intervención paisaxística rural. Será no marco da reunión de consorcio do proxecto Interreg Europe Picobello, do que é socia a Axencia Galega de Innovación e a Fundación Juana de Vega, parte do proxecto. Doutra banda, entre o 14 e o 17 de outubro e da man do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Costa da Morte, O Couto tomará parte nun encontro en Asturias, «Nova economía para a aldea do século XXI». Tamén terán que dicir núcleos da comunidade veciña como Porrúa, Asiegu ou Moal.
O pintor Sotomayor
Neste 2025 no que se cumpren 150 anos do seu nacemento, tamén O Couto reservará espazo para a arte en torno á figura do pintor Fernando Álvarez de Sotomayor (1875-1960). A Fundación Barrié ten en marcha unha exposición conmemorativa deste aniversario, con datas próximas para achegarse a ela. Ponteceso foi municipio referencial na vida e obra do creador. Así, o vindeiro 10 de outubro terá lugar a presentación da mostra, para a que se reservan despois varias visitas singulares. Unha, o 18 de outubro, neste caso un percorrido guiado dirixido a profesorado. Outra, tamén nese mesmo mes, o día 23, será un achegamento comentado para os usuarios das actividades da entidade A Casa da Muller.