Os eixos deste programa serán Rosalía de Castro e Eduardo Pondal, dous dos grandes referentes literarios galegos
08 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Que teñen en común Rosalía de Castro e Eduardo Pondal? Cal foi a relación entre estes dous grandes escritores do Rexurdimento, piares da literatura galega? Para explorar respostas, os Concellos de Muxía e Ponteceso, en colaboración coa Fundación Pondal e a cooperativa Horta Creativa, veñen de anunciar un intercambio cultural dirixido á rapazada de ambos municipios. A primeira parte do proxecto será os días 21 e 22 de febreiro en Muxía, onde a mocidade de Ponteceso descubrirá a pegada de Rosalía na Vila a través de visitas, obradoiros ou unha ruta. Logo, serán os muxiáns os que viaxen a terras de Pondal.
Os mozos interesados teñen aberto o prazo de inscrición ata o 19 de febreiro, no consistorio da vila da Barca. As prazas, limitadas, outorgaranse a medida que vaian chegando. Coñecer historia, cultura e lingua dun xeito participativo e enriquecedor, fomentando lazos entre dous municipios da Costa da Morte: isto é o que permitirá a iniciativa, a xuízo do alcalde Javier Sar e da edila Sandra Vilela.