O Concello de Ponteceso implanta o colector marrón

m. r. s. CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

.

Tamén fomentará a compostaxe doméstica

20 jun 2024 . Actualizado á 05:00 h.

O Concello de Ponteceso presentou onte o seu programa para a mellora de residuos a través da compostaxe doméstica e do colector marrón. En ambos os casos, para materia orgánica. No acto participaron o alcalde, José Manuel Mato, e técnicos de Premae, a empresa encargada do proxecto.

Para iso, repartiranse 135 composteiros entre os veciños interesados, e colocaranse 70 colectores marróns en puntos que determinen os técnicos municipais. Estas accións, que contan cun presuposto de 125.311 euros, dos que a Administración local, inxecta 38.846, inclúen, así mesmo, un camión 100% eléctrico para a recollida de biorresiduos.

No caso dos colectores, contarán cunha fechadura, de modo que para depositar os residuos, os cidadáns deberán solicitar o seu cartón identificativo.

A idea global é fomentar a separación, facilitando a reciclaxe. Haberá asesoramento e medios para os restaurantes, grandes produtores desta materia, e realizaranse outras formacións paralelas nos centros educativos.

O Concello habilitou a web ponteceso.rsu.gal para inscribirse e solicitar un composteiro. Nunhas semanas haberá unha reunión cos solicitantes para entregar os materiais, informar sobre o seu uso e resolver dúbidas. Pódese chamar ao 647.521.464.

O rexedor insistiu en que «ata este ano, cada tonelada depositada no contedor verde tiña un custo de 65 euros, por 35 do marrón, que se repercutirá nas taxas pagadas pola veciñanza, así que é importante rebaixar o uso do contedor verde en favor do marrón».