Unha visita aos devanceiros: castrexos de Ogas e romanos de Brandomil

Juan Félix Neira Pérez

PONTECESO

JUAN FÉLIX NEIRA

Misterios e encantos | A primavera préstase a aprender ao aire libre, e así o fixeron en Vimianzo e Zas alumnos do IES Eduardo Pondal

04 may 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

A primavera convida ás aprendizaxes ao aire libre; tal foi a saída didáctica do alumnado do Bacharelato de Humanidades no instituto Eduardo Pondal de Ponteceso, procedentes deste concello e dos de Cabana, Malpica e Laxe. Nos municipios de Vimianzo e Zas, seguiron as pegadas da época megalítica, castrexa, romana e medieval. Totalmente descoñecidas para eles, malia non estaren tan lonxe! Ás nove da mañá, xa hai vida no castro das Barreiras, no lugar vimiancés de Ogas: un operario limpa a maleza da espectacular muralla, ante a cal o alumnado expresou a súa sorpresa, como escribiron nos seus cadernos de viaxe, por exemplo, as dúas Antías —Pardiño e Pastoriza— e María Ramos. Ademais, Nerea Fandiño e Xeima Manmina apuntaron que, aínda que moi grande e apenas escavado, o castro si está coidado, o cal demostra que «o Concello o aprecia».

Canta razón ten Adriana Romar cando sinala, sorprendida, que «non esperaba que houbese un sitio así tan cerca da estrada e das casas». En efecto, un dos seus valores patrimoniais e turísticos é a súa accesibilidade. Non menos sorprendeu a Iris Blanco «o coidado que o Concello lle pon ao seu mantemento e o seu gran muro».

Carlota Varela observou, recordando o aprendido nas clases de Latín, que as vivendas castrexas de Vimianzo presentan perfís curvos, fronte ás estruturas cuadrangulares do Brandomil romano, que non deixa de dar boas noticias á arqueoloxía e que imos ver unha hora despois. Tamén lle chamou a atención a presenza das típicas tegulae ou tellas de época romana, que apenas se atoparon no castro das Barreiras. Un dos encantos da ponte de Brandomil radica na súa contorna histórica e paisaxística: río, castro, calzada antiga e igrexa, amais dos restos romanos dispersos incluso polas vivendas. Das dimensións do capitel romano aproveitado no ángulo do adro, deducimos que pertencería a un edificio non pequeno e, polo tanto, que Brandomil debeu ser un lugar relevante.

Despois do bocadillo do recreo, na área de lecer do río Xallas, Mariña Andrade e Yxsaí Rey —o único rapaz da expedición— foron os encargados de enlazar o lugar de Brandomil co universo pondaliano, recitando a carón da escultura do guerreiro castrexo o poema Coma o son do pinal…, no que aparecen os heroes Brandomil e Brandoñas, sonoros topónimos de gran prosapia e evocadores das parroquias homónimas de Zas. Escribiu Pondal que Brandomil tiña «o acento brando», e así foi o recitado de Mariña, mentres que Yxasí, máis belicoso, parecía imitar o espírito de Brandoñas, que «aconsella a luitar pola patria doce e bella».

É difícil imaxinar que do Pozo Limidoiro obtivesen ouro os romanos que se asentaron en Brandomil. Iris comenta «a beleza natural do lugar, o contorno idílico». O mesmo pensa Emely Ramírez, quen máis que unha mina de ouro, valora «o lago moi bonito, rodeado de árbores e que «co sol da mañá é un lugar máxico que parece sacado dun cadro».

Reconstruír mentalmente a colocación orixinal dos esteos no dolmen coñecido como Pedra da Lebre, na parroquia vimiancesa de Serramo, non parecía tarefa fácil, porque algunhas pedras foron desprazadas. Tamén aquí se percibe que en Vimianzo a valoración do patrimonio vai en serio, xa que o acceso ao megálito e a limpeza da contorna son impecables. Lucía Vila cre que o nome do dolmen podería derivar do feito de pareceren os seus esteos unha lebre entre a vexetación; as outras alumnas defenden máis a hipótese de que no lugar abundaría este animal.

JUAN FÉLIX NEIRA

Por último, o adro e igrexa de Santa Baia de Tines trasládannos ao mundo tardorromano e medieval e, como non, á lápida funeraria de Victorino, o primeiro cristián documentado en Galicia. Alí están os tres sartegos atopados nas escavacións, dous deles antropomorfos; procedeuse á súa medición: oscilan entre os 1,65 e os 1,77 metros de longo. Yxsaí mesmo se atreveu a probar un deles!

O novidoso cruceiro esculpiuno un ousado canteiro capaz de expresar coa pedra a asistencia de san Francisco a Cristo desencravado. Polos cristais do autobús, sosegadamente gobernado por Manuel Lema, apréndese máis do mundo e da vida que a través dos cristais das infames pantallas que infestan as aulas de ignorancia e incultura.