Continúa viva en Corme a polémica pola derriba dun muro que o Concello aprazou sen unha data

La Voz CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

Ana Garcia

O propietario dos terreos nega a existencia dunha vía

25 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

A polémica polo intento do Concello de Ponteceso de demoler un anaco de muro para dar paso a un suposto camiño público continúa acesa. O dono do inmoble afectado pola acción do Concello, Anxo Suárez Baneira, fixo pública unha carta na que nega a existencia da vía e que teña impedido o paso de servidume ao veciño co que mantén unha disputa.

Expón Suárez Baneira que non existe no Catastro anterior ao 2003 evidencia algunha de que houbese camiño para a casa de ao lado, ademais de «non cualificar a natureza» das vías que aparecen. Outro tanto di do PXOM do 2002, onde tampouco aparece a senda, que logo si foi incorporada no plan xeral do 2015. Pero, neste caso, denuncia que «nin sequera coinciden» os planos do Catastro e do ordenamento urbanístico municipal á hora de «delimitar por onde transcorría» o camiño.

Anxo Suárez expón, así mesmo, que no PXOM do 2015, a polémica vía «pasa por amais do muro, pegado ás casas lindeiras», nun «plano mal feito e erróneo, sen ningún antecedente da súa existencia, que é o máis daniño e ilóxico para a miña propiedade». Aínda que no Concello dicían que a parede é do 2018, Suárez sinala que leva máis de 20 anos feita e que a xente de Corme sábeo, ademais de ter fotos. De existir o camiño que di o Concello, transcorrería, apunta, por amais dun pozo e un galiñeiro da súa propiedade.

Ademais destaca que para tomar a decisión no pleno municipal xa houbo tanta controversia que foi necesario o voto de calidade do alcalde. Noutro punto tamén replica ao seu veciño Ramón Pasandín Regueira e nega que lle impediu o dereito de paso, privado, a través da súa leira. Asegura que, de feito, xa trasladou os materiais para a obra ata o 2019, «sen o máis mínimo coidado nin respecto» polos seus bens. Feito este que deu a coñecer ao Concello a través dun escrito, no que se queixa da extralimitación de Pasandín. Lembra, así mesmo, que está pendente o contencioso contra a decisión do Concello de tirar o muro e que exporá un preito civil para que se recoñeza a súa propiedade, que pagou todos os impostos e dá grazas aos veciños e entidades polo apoio recibido durante o conflito.