Fran Toba, técnico de Muxía: «A unión dos concellos é a clave do éxito do circuíto Correndo pola Costa da Morte»

F. Rodríguez / M. López CARBALLO / LA VOZ

MUXÍA

basilio bello

Muxía acollerá este domingo a oitava proba do circuíto

10 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Muxía acollerá este domingo unha nova proba do circuíto Correndo pola Costa da Morte. Será a antepenúltima nesta décima edición do circuíto de carreiras pedestres da comarca. Así o explicou o técnico de Deportes de Muxía, Fran Toba, nunha intervención en Radio Voz Bergantiños:

—A de Muxía será a derradeira carreira do circuíto antes dun parón estival.

—Pois si. Houbo varias seguidas, como foron as de Dumbría, Zas, Carnota ou Cee, e despois da nosa haberá un parón durante todo o verán ata a de Corcubión, que xa será en setembro.

—Como vén o tempo?

—Estivemos preocupados, porque estes días houbo bastante nordés en Muxía e iso ía complicar as cousas, pero, segundo dixeron os mariñeiros, virá bo tempo para o domingo.

—Hai que fiarse da xente de mar.

—Pois si, e ademais o alcalde que temos controla diso e xa nos dixo que non habería problema.

—Que tal de inscricións?

—A día de onte [polo martes] tiñamos confirmados do circuíto 187 persoas e 127 novos apuntados, pero supoño que ao longo da última xornada se anotaría máis xente [finalmente, haberá 166 neste apartado]. Estamos en cifras semellantes ás destes anos.

—Este circuíto demostra ser un éxito, e a carreira muxiá, tamén.

—A verdade é que a xente involúcrase bastante. As datas de cada proba están practicamente pechadas dende hai anos, aínda que haxa cambios puntuais, e na de Muxía coincídelle a algunha xente estar de vacacións e vénlle ben para participar. A verdade é que o circuíto segue sendo un éxito.

—Haberá cambios no percorrido?

—Non, pero o ano pasado tivemos que modificar a 10K para eliminar unha zona de baixada que era problemática, no último quilómetro e medio, e este ano decidimos manter ese cambio.

—A de Muxía é unha proba rápida?

—O certo é que non. Falamos dunha carreira que para os de 10K se fai complicada, con algunha suba difícil e bastante longa. Eu non son corredor, pero polo que me contan os participantes, sobre todo cando chegan á meta, chégalles ben. Sobre todo aos que non son profesionais.

—Cal cre que é a clave do éxito deste circuíto?

—Non me cabe ningunha dúbida de que é a unión que temos entre os concellos participantes. Cando hai unión, o éxito deportivo está sempre asegurado. Levamos dez edicións e esperamos que veñan outras dez!

—Este ano tamén coñeceu o éxito co Fisober, con ese histórico campionato estatal.

—Pois si, non tódolos anos se é campión de España, neste caso de fútbol sala alevín feminino. É un éxito que non sei se volveremos repetir, pero aí está.

—Esperábano? Ou foi sorpresa?

—Sorpresa foi, pero xa cando case as mesmas rapazas gañaron o campionato galego de seleccións comarcais viamos que algo histórico podía pasar este ano. Despois, viaxamos a Cataluña e deron remontado un 0-3 ante Andalucía e metéronlle 5 ás anfitrioas, que eran a selección máis forte dos últimos anos. Aí xa vimos que se viña algo grande.