



























A Festa do Congro de Muxía afianza tirón en Venres Santo. Grande ambiente a pesar da choiva
20 abr 2025 . Actualizado á 00:20 h.Na Semana Santa da Costa da Morte hai tradicións relixiosas de séculos, como é o caso de Fisterra, que remonta algunhas representacións ao século XIV. Tamén hai outras máis recentes xa plenamente asentadas, como a Mostra do Encaixe de Camariñas (34 anos) e ou a Festa do Congro de Muxía (27). A esta última, sempre en Venres Santo, non lle falta público nunha nova edición reforzada con programación. Por suposto que na vila da Barca tamén estaban pendentes do tempo, o que inflúe nunha maior ou menor animación, pero os fieis do congro non fallaron e este mediodía a lonxa era un ir e vir de comensais entregados ao goce do peixe máis de identidade deste territorio, servido á prancha , en salpicón ou en empanada, tanto de trigo como de millo.

Como xa fixera en horas previas, a concelleira de Cultura, Sandra Vilela, animaba a non temer á choiva e a acudir á celebración. Pode dar exemplo diso a baiesa Maricarmen Senande, que próximas as dúas da tarde reportaba un inmellorable ambiente, nutrido pola música tradicional dAs Abaladeiras nese momento. «Vimos todos os anos, xa debemos de levar uns dez ou doce», explicaban. Van entre amigos e a súa nota para o encontro era clara este 18 de abril: «Un 10». «Isto é unha marabilla. A onde vas comer hoxe por cinco euros? E por riba boísimo», remarcaba. Gustáronlle todas as preparacións e celebraba «que a xente corresponda».

No outro lado, había comensais que se estreaban, caso de José Manuel Rey, chegado desde Bértoa, Carballo. «É a primeira vez. Teño vido a outras festas a Muxía, á Barca e así, pero a esta non. E que ben está eh!», festexaba. Animouse a acudir coa súa muller. José Manuel cumpriu os 65 anos, traballou «toda unha vida» e agora, cre, chegou o tempo de «aproveitar». No seu caso recoñece que non é moito de peixe, «pero o que fun buscar comino todo, e eso xa quere dicir que me gustou». Pensaron en facerse con tres racións por se non eran abudantes, pero dous, por ese módico prezo que incluía cunca de viño, foron suficientes. Na Festa do Congro atopáronse con amigos e ata medio familiares, así que sería a escusa perfecta para pasar a velada en Muxía.

En cociña, José Naveiro, de Casa Taboada (Touro), explicaba ningún dos segredos para preparar o congro. Pode coñecelo en vídeo a través das redes de La Voz, pero polo de súpeto quede con dúas cousas: o desespinado e a salsa verde que prepararon para acompañar o peixe á prancha. Puro goce!