Rivadulla Corcón: «Na vida debemos ter motivacións poéticas»

P. Blanco , F. Rodríguez CARBALLO / LA VOZ

MUXÍA

ANA GARCIA

Gentes del Finis Terrae | O coruñés-muxián vén de presentar nova obra de relatos, «Chorente, unha aldea no tempo dos soños»

27 dic 2023 . Actualizado ás 05:00 h.

Últimas xornadas do 2023 e a Costa da Morte segue a bulir en actividade cultural. Hai tan só uns días acollía o espazo Espiral Maior Foro de Carballo ata tres presentacións literarias, unha delas da man de Xosé Henrique Rivadulla Corcón. Chorente, unha aldea no tempo dos soños é a obra publicada por este coruñés-muxián que viu a luz da man de Edicións Positivas. Escritor, guionista, locutor e presentador, falou onte en Radio Voz Bergantiños:

—Como de ben acollido estivo?

—Moi ben. A Fernán Vello coñézoo de hai moitos anos, tiñamos menos de vinte daquela. Falou do libro con palabras sabias e achegouse xente de Carballo e incluso de Muxía. Totalmente grato. Carballo mesmo é importante para min. Coa infancia a cabalo entre A Coruña e Muxía, para ir a Muxía pasabamos por Carballo e tiñamos a tradición de parar a mercar algunha empanada. Por iso e máis éme un sitio de agrado.

—Chorente protagoniza a obra.

—Trata de ser un lugar idílico, que me serve como exemplo para dicir como me gustaría a min que fose a vida e a relación entre as persoas. Non son un ser inxenuo, son realista e sei que non é posible, pero en certa medida si o podería ser, procurando relacións máis humanas. Escribilas é doado, na vida non o é tanto.

—E Chorente soa a Muxía.

—Claro. Chorente é unha aldea na entrada de Muxía. Mais o libro non ten que ver con ela, é unha aldea literaria. Emprego o nome como homenaxe. En case todos os meus libros Muxía ten presenza. O último antes deste, tamén editado por Positivas, titulábase Moraime, pequena vila con mar. As dúas obras teñen certa continuidade, un co outro son libros de relatos que naceron na Radio Galega.

—A aldea deste libro cre nos soños para facer unha vida mellor.

—Neste Chorente todo sae ben, aínda que iso non significa que non haxa problemas, que os hai, e algúns complexos, pero todo se resolve a partir dunha relación humana. O que sucede neste aldea moitas veces ten que ver coa estrutura dos soños, ter soños é o que máis lles interesa aos habitantes de Chorente. Soños de todo tipo, os que se teñen durmindo e os que se teñen como ilusións do que un quere facer na vida. Todo é algo fantástico, algo absurdo, inesperado. Un mundo menos materialista... Non digo que o diñeiro non sexa necesario, digo que non é importante.

—Falamos de relatos que durmiron uns tres lustros. E espertaron.

—Si, tamén de forma inesperada. Escribín estes contos entre o 2006 e o 2007: o programa As Quimbambas sempre se pechaba cun deles. Cando rematou, os relatos quedaron aí, cumpriran a súa función. Pensara algunha vez en editar, mais non me preocupei en exceso. Escribía outras cousas e Chorente xa tivera unha vida. A edición acabou saíndo dunha conversa con Paco Macías, director de Positivas. Dos máis de trescentos que tiña, fixen unha selección de 101, un incorporado a última hora. Elixín aqueles que, ao lelos, me significaban máis persoalmente. Os habitantes de Chorente son imaxinarios, mais eu púxenlles nomes de amigos: ese relato a maiores, o que fai os 101, corresponde a Xosé Antonio Perozo, xornalista.

—É esta en certa maneira unha obra herdeira de «Moraime»?

—Si e non, porque en realidade os relatos de Moraime, pequena vila con mar son posteriores, aínda que se publicaran antes no tempo.

—«Chorente» é unha das case 50 obras que nos deixa o 2023 na Costa da Morte. Que ten esta terra para ser tan fértil na literatura?

—É unha terra dunha profunda cultura mariñeira. A potencia desta é moi creativa, e afecta positivamente na vida das persoas, na forma de ser e de interpretar o mundo. Iso leva a que haxa persoas, tamén moitos traballadores do mar, que escribimos. Faise un traballo común, homes e mulleres que traballan no mar son criadores dunha cultura. O mar xera motivación, é inspirador. Escritores e artistas plásticos de todo tipo o que facemos en parte, e así se ven facendo dende o XIX polo menos, é fixar esa cultura, transmitila. Se non fose así, co tempo non sabemos que pasaría... Sempre, pero o mar está agora en profunda crise. Os portos van a menos, e hai claros exemplos na Costa da Morte.

—Agora que chegamos ao final de ano: que balance fai do que marcha e que lle pide ao que vén?

—Isto é difícil para min. Teño 61 anos, non digo que sexa maior, pero xa me vou achegando a poder selo. Debo recoñecer que vivo decepcionado coa sociedade que temos, na que cada vez máis o único interese das cousas é o monetario. O que eu reivindico é que na vida debemos ter motivacións poéticas, movernos por elas, e o poético non é só o poema escrito. Polo demais, sentinme ben no 2023, coa familia, cos amigos, o traballo, escribindo, que para min é tamén terapia e evasión. No persoal, ao 2024 pediríalle que seguise así. Gústame unha frase de maio do 68 que di: «Sexamos lóxicos e busquemos o imposible». Que me gustaría a min? Pois iso, que a xente mirase o mundo máis cunha mirada poética ca economicista.