Malpica rende homenaxe a Icía Varela

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

MALPICA DE BERGANTIÑOS

BASILIO BELLO

O Abaladoiro | Acolleu o consistorio unha recepción oficial á artista, que reafirmou o seu compromiso coa súa terra e a cultura desta

16 feb 2024 . Actualizado ás 21:15 h.

«É unha grandísima honra seguir a túa traxectoria, dende que estabas na barriga de túa nai. Que hoxe esteas aquí é froito dun traballo incrible. Segue así, non pares nunca». Con estas sentidas palabras recibiu este venres a edila de Cultura de Malpica , Noelia Freijeiro, á artista Icía Varela: «Malpicana, cerquedana. Hoxe é un día para min moi especial, e penso que para todos os malpicáns o debería ser», engadiu así mesmo a edila.

O Concello rendeulle tributo á nova, que recentemente participou no festival Celtic Connections de Glasgow (Escocia) e antes no de Lorient . Ao carón e ao outro, en realidade alí onde vai, leva a súa terra, «Cerqueda dos meus amores»: «Admiran a nosa cultura, a nosa música. Podedes estar orgullosos, Cerqueda e Malpica son coñecidos no mapa mundial», dixo Icía, que agradeceu o recibimento e os detalles.

BASILIO BELLO

A ela deulle as grazas o alcalde, Eduardo Parga, por , «espallar a nosa terra e a nosa cultura», «a nosa forma de levar as cousas, de cantar»algo que a moza se comprometeu a seguir facendo na súa firma no Libro de Honra. Porque, escribiu, «neste concello hai moito por recoller (...), por admirar».