Investigada outra veciña da Costa da Morte por dous incendios en Laxe

La Voz CARBALLO/ LA VOZ

LAXE

GARDA CIVIL

Trátase dunha muller de 34 anos, veciña de Cee. Na investigación, un vídeo foi evidencia clave

13 ago 2025 . Actualizado á 16:14 h.

Unha segunda veciña da Costa da Morte está a ser investigada en relación con incendios acaecidos na comarca nas últimas xornadas. Se hai apenas un día coñecíase a investigación dunha muller de 63 anos por varios lumes en Muxía, agora trátase dunha muller de 34 anos, veciña de Cee, como presunta autora de dous delitos de incendio forestal no lugar de Boaño, municipio de Laxe. Segundo fontes da Garda Civil, a patrulla do Servizo de Protección da Natureza de Arteixo (Seprona) iniciou a investigación tras un lume ocorrido o 9 de agosto, con 0,2 hectáreas de monte afectado. A través da inspección ocular do lugar e declaracións de varias testemuñas, púidose identificar á investigada no lugar e hora dos feitos. Non só iso, senón que as pescudas sitúan á presunta autora deste incendio con outro anterior, o 31 de xullo do 2024, na mesma zona. Resultou clave un vídeo obtido pola Garda Civil, documento que mostra de «forma inequívoca» á sospeitosa iniciando as chamas cun chisqueiro. 

GARDA CIVIL

Lembra a Garda Civil que a intencionalidade é un factor determinante nestes sucesos, con graves consecuencias para a contorna natural. Non só destrúen fauna e flora, senón que pon en perigo a seguridade das persoas e bienes materiais. Neste sentido, fan un chamamento á cidadanía para que colabore: en caso de observar calquera actividade sospeitosa, hase de contactar cos axentes a través do 062 ou outra canle de denuncia.