Xabier Díaz, pregoeiro do «15 de Laxe»

p. b. CARBALLO / LA VOZ

LAXE

ANA GARCIA

Non só iso, senón que actuará en concerto na localidade ao día seguinte, 16 de agosto, coas Adufeiras de Salitre 

10 jul 2025 . Actualizado a las 00:37 h.

A identidade do pregoeiro ou pregoeira é nalgunhas festas asunto ben agardado. Ocorre no San Xoán de Carballo ou en certa medida na Festa do Percebe de Corme, un papel neste último caso que terán o vindeiro sábado 19 de xullo as xogadoras do Corme CF Feminino, ás que presentará a actriz Estíbaliz Veiga. Nas festas de agosto de Laxe, o día 15, recuperaron o pregón o ano pasado, un título que recaeu en Carlos Blanco e que este 2025 asumirá Xabier Díaz. «Seremos felices pregoeiros», publicou o artista, e non só iso, senón que xunto coas Adufeiras actuará na xornada do 16 (23.00 horas).

Díaz lanzou un vídeo no que anuncia ese pregón, unha peza audiovisual na que con humor fai un cameo con Luís Tosar, cousa de parecidos, e que levou a máis de un a pensar se, realmente, haberá un discurso a dúo, tendo en conta o vínculo de Tosar con Laxe a través da serie Mareas Vivas. «Sabemos que en Laxe gusta moito, veranea aquí... Xa hai tempo que tiñamos ganas de traer a Xabier», contaba onte Miguel Lema dende a comisión. Avanza que serán «unhas festas equilibradas». Algunhas confirmacións máis: concerto de Ráfaga, o 14, ou as orquestras Tango e Miramar.