Volve o Outono Cultural a Fisterra cos Rapacollón's

La Voz CARBALLO/ LA VOZ

FISTERRA

Federico Pérez ofrecerá un monólogo en Fisterra
Federico Pérez ofrecerá un monólogo en Fisterra CESAR QUIAN

Teatro, cantos de taberna, Samaín e humor con Fede Pérez forman parte da programación

19 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Con sete edicións de traxectoria, o Outono Cultural organizado pola asociación Rapacollón’s de Fisterra xa se ten convertido en referente cultural na vila. Desta volta, e presentado xa o programa nestas últimas xornadas, as actividades estenderanse dende o 12 de outubro ao 22 de novembro, con citas de calado como será esa do propio peche, o día 22, un monólogo a cargo do actor e humorista Federico Pérez Rey. As entradas venderanse en Fisterra, mais tamén en Cee, Corcubión ou Vimianzo: irá dando en breve máis datos a organización.

Non menos destaca, para o 31 de outubro, no Samaín, o percorrido infantil de truco ou trato por establecementos comerciais de Fisterra, sumándolle de noite unha cea-baile de disfraces. Velaí tamén os cantos de taberna que revitalizan por Fisterra e que animarán o 8 de novembro na fin do mundo. Tanto para o percorrido de Samaín como para estes cantos, os establecementos comerciais e hostaleiros que desexen ser parada da proposta poden contactar coa entidade Rapacollóns para facerllo saber. E, incluso antes de todo isto, dúas citas teatrais: Milagre no convento, coa ANPA Nosa Señora do Carme, o 12 de outubro, e O piollo verde, da Escola Municipal de Teatro, o día 19.