O Dumbría pelexará por estar na elite do voleibol nacional

Melissa Rodríguez
melissa rodríguez CARBALLO / LA VOZ

DUMBRÍA

MARCOS CREO

Fará unha reclamación, pero, antes, reunirá o presuposto necesario

22 jul 2020 . Actualizado á 05:00 h.

A pandemia, máis aló de resultados definitivos no mundo do deporte, provocou numerosas reclamacións por como se resolveron as distintas competicións. Moitas, aínda, están por chegar. Unha delas, se todo marcha segundo o previsto, será a do Voleibol Dumbría. Desde o club, presidido por César Ferrío, pelexarán por estar na elite deste deporte a nivel nacional.

O equipo dirixido por Luis Alberto Fernández finalizou a competición en Superliga 2 no momento que foi suspendida como segundo clasificado, empatado a puntos co líder, o Boiro. Esta posición, se todo transcorrese con normalidade, dáballe dereito a disputar o play-off de ascenso á máxima categoría, a Superliga. Pero lonxe diso, a Comisión Delegada da Real Federación Española de Voleibol decidiu ascender ao primeiro de cada grupo, sen efectuar descensos na primeira división e ampliando, así, o número de conxuntos participantes a 14. É aquí onde o Dumbría, lendo agora a normativa da competición, pretende efectuar unha reclamación. Cóntao o máximo mandatario: «A normativa di que se hai unha ampliación da liga, por dereito deportivo correspóndelle ascender aos equipos que estean en postos de ascenso, e indica que debe haber descensos. Por iso nós reclamaremos a nosa praza, porque nada disto se cumpriu».

Algo histórico para a comarca

No entanto, antes, a entidade quere reunir o presuposto necesario que require a nova categoría, pois como explica Ferrío, «non imos facer a reclamación se despois non temos o diñeiro suficiente para asumila». Facendo números áchanse coas empresas da comarca. Buscan un financiamento comarcal, sobre todo, no sector turístico, xa que pensan que «isto suporía dar a coñecer a Costa da Morte por toda España». Por este motivo fan un chamamento aos negocios: «Levaríamos o nome da zona polo país adiante. A comarca tense que comprometer». Un dato importante a ter en conta é que, de lograr competir a próxima tempada en Superliga, sería algo histórico para o deporte de Bergantiños, Soneira e Fisterra. Nunca antes un equipo absoluto chegou a estar na máxima categoría. «Por iso temos que aproveitar o momento e non desaproveitar a oportunidade», engade César.

«Pódese!»

Dumbría é unha localidade de escasos 3.000 habitantes (uns 500 no núcleo municipal). O presuposto que necesitan rolda os 150.000 euros. As cifras falan por si soas. No seu chamamento fan especial mención á axuda das empresas «importantes» na zona. Non lles está resultando tarefa «doado», aseguran.

En Dumbría son optimistas con que a reclamación, de finalmente facerse ?ponse de prazo límites esta semana?, teña un desenlace positivo. «Estamos en contacto coa Federación Galega, temos o seu apoio e estamos confiados. Pódese! Estamos ilusionados porque non é dicir que nos vaian a regalar nada, senón que é algo que nos corresponde», expresa o presidente.

Fichaxes

O Voleibol Dumbría vai en serio. Exemplo diso é que xa está en contacto con varios xogadores para un posible reforzo do persoal. Pero o certo é que tamén neste sentido están a atoparse con dificultades: «A maioría están xa fichados», din.

O Dumbría é un conxunto que se quedou co mel nos beizos en varias ocasións por empate de puntos. Sempre logrou sorprender á afección cun persoal formado na súa inmensa maioría por canteiráns. É hora de que o voleibol lles devolva algo a esta xeración de rapaces que xa desde moi mozos despuntaron.