O vóley Dumbría dá a badalada

Toni Longueira / M. Rodríguez CARBALLO / LA VOZ

DUMBRÍA

Cedida

O equipo de Luis Alberto Fernández proclamouse campión da Copa Galicia

06 ene 2019 . Actualizado á 05:00 h.

O Voleibol Dumbría deu a verdadeira badalada no polideportivo dAs Pontes tras proclamarse este venres, e por primeira vez na súa historia, campión da Copa Galicia. O pasado ano, o elenco adestrado por Luis Alberto Fernández quedou co mel nos beizos ao caer en semifinais contra o Barraña Boiro (3-2). Pero antonte logrou a proeza ao grande e tras liquidar varios contratempos.

O primeiro foi, sen dúbida, a entidade dos adversarios: o líder da Superliga 2, o Emevé de Lugo; e o San Sadurniño, integrante da máxima competición estatal, a Superliga 1. O segundo hándicap foron as baixas do cadro dumbriés para esta cita: Sergio Bruque, David Redonda e Pablo Touriñán. E terceiro, que o equipo regresara aos adestramentos un día antes polo parón do Nadal.

Con todo, os xogadores do Dumbría sentíronse moi cómodos desde o asubío inicial da semifinal, que os enfrontou ao líder da Superliga 2, o Emevé de Lugo. Os costeiros foron capaces de liquidar o encontro pola vía rápida (3-0).

Unha vez salvado o primeiro escollo, quedaba o segundo, un verdadeiro Tourmalet: o San Sadurniño, único equipo galego na máxima competición do voleibol nacional. Os de Luis Alberto Fernández venceron por 3-1, con parciais 25-19, 25-22, 23-25 e 25-16, e alzándose así co primeiro título oficial na historia do Voleibol Dumbría. Neste torno destacou todo o equipo, pero de forma especial Néstor González, que esnaquizou aos seus rivais desde a rede.

Satisfacción

Luis Alberto Fernández mostrouse onte moi satisfeito por este importante logro deportivo: «A verdade é que nos sentimos moi ben sobre a pista desde o primeiro momento. Saímos a gozar e sen a presión de ter que gañar, xa que os dous rivais que tiñamos en fronte son, en teoría, moi superiores a nós. Pero repito, saíunos todo moi ben». O preparador dumbriés recoñeceu que o parón do Nadal viñéralle moi ben ao seu equipo: «Empezamos a adestrar o día 3 con dobre sesión, mañá e tarde. Contabamos con varias baixas importantes, como a de Sergio Bruque, e fomos ás Pontes coa idea de empezar a rodar pensando no reinicio da liga, pero saíunos todo moi de cara e estamos todos moi contentos por este éxito». O cadro dumbriés regresará a próxima semana á competición, na que ocupa a segunda praza, xusto por detrás do Emevé de Lugo, precisamente o seu rival na semifinal do venres.

A posibilidade de disputar ao final da liga regular a fase de ascenso á máxima competición é unha realidade, aínda que non era o obxectivo inicial do club a comezos de tempada... Pero agora a ver quen é o que lle quita ese soño aos xogadores e ao técnico.

Apenas tres fichaxes en tres tempadas e un traballo incansable de canteira

A historia máis recente do Voleibol Dumbría pasa por un traballo incansable de canteira e escasas fichaxes, pero moi de.

Hai tres tempadas, o equipo sénior acadaba a Superliga 2 de voleibol, equivalente á Segunda División de fútbol. Ao club chegaron dúas fichaxes: Néstor González e Dani Muñoz. O resto, xogadores da casa. Con esas vimbias o equipo salvou a categoría. No curso seguinte chegou Sergio Bruque, ao que unha inoportuna lesión mantívoo moito tempo no dique seco, pero o equipo mantívose na Superliga 2.

Esta campaña, sen ningunha fichaxe nova e con xente da canteira, o equipo esta completando unha gran tempada. É segundo na xenerala por detrás do intratable líder, Emevé de Lugo. A próxima fin de semana o Dumbría xogará un partido, que foi aprazado no seu día, en Tenerife. De gañalo situarase a catro puntos do Emevé, pero, o máis importantes é que abriría unha fenda de sete puntos con respecto o terceiro e cuarto da táboa (Boiro e Badaxoz). E iso si é relevante porque só os dous primeiros da xenerala disputarán, ao finalizar a tempada regular, a fase de ascenso á Superliga 1. Todo un reto para os de Luis Alberto Fernández.