Luis Alberto Fernández: «O Volei Dumbría ten que gañar ao Vigo»

La Voz CARBALLO / LA VOZ

DUMBRÍA

cedida

O conxunto da Costa da Morte vén de sumar o seu primeiro punto en Palencia

21 oct 2017 . Actualizado á 05:00 h.

O Volei Dumbría e o Vigo Voleibol disputan hoxe, ás 18.00 horas, no pavillón do complexo deportivo de Ou Conco, o derbi galego na terceira xornada da Superliga Masculina 2.

«O Volei Dumbría ten que gañar ao Vigo -comenta o adestrador local, Luis Alberto Fernández-, nun derbi que se presenta igualado entre dous rivais que nos coñecemos moi ben».

O equipo recupera ao capitán Pablo Touriñán, que será o seu primeiro encontro da tempada, polo que se converterá nunha axuda extras máis neste momento. O xogar na casa ten un factor moi importante para Luis Alberto: «Agardamos que os afeccionados respondan e volvan encher a instalación para levarnos polo aire. O obxectivo é conseguir a vitoria para sumar tras o punto conseguido en Palencia a semana pasada».

O adestrador dumbriés móstrase moi contento coa resposta dos seus xogadores ao longo da semana nos diferentes adestramentos, e por iso apunta: «A clave do encontro estará en estar acertados no saque para pór en dificultades a recepción do Voleibol Vigo e así neutralizar o xogo das súas centrais. Tamén evitaremos o bloqueo dos olívicos, que é un dos seus puntos fortes».

Os puntos en xogo son importantes para os equipos.