Los 35 años de Zënzar «bourando»

Santiago Garrido Rial
s. g. rial CARBALLO / LA VOZ

CERCEDA

BASILIO BELLO

A banda de rock de Cerceda celebrará o día 23 deste mes o aniversario cun concerto na sala Capitol de Santiago, e prepara un libro sobre a súa traxectoria

06 dic 2023 . Actualizado ás 05:00 h.

Zënzar, esa banda de Cerceda que hai xa tempo que se pode considerar mítica, cumpre 35 anos, e vaino a celebrar ao grande. E en breve: farao od ía 23 deste mes cun concerto na sala Capitol de Santiago.

Xosé Bocixa, un dos fundadores, falou onte sobre o aniversario e iso concerto, e fíxoo no programa Voces de Bergantiños, de Radio Voz, nunha conexión telefónica na que tamén participou Laura Romero , integrante do grupo, baixista, ademais de ilustradora e de deseñadora gráfica, e que suma á súa tarefa artística a elaboración dun libro sobre a longa traxectoria deste grupo de rock en galego.

Laura é moito máis nova, e de feito aínda non nacera cando Zënzar deu o seu primeiro concerto no pub Non Sei da Silva, herdeiro modernizado naqueles anos dun histórico salón de baile cercedense. Sobre isto chancearon onte ao facer memoria sobre aquela primeira actuación, tamén en véspera de Noiteboa: «Non se estilaba moito daquela o rock en galego, e contestatario, e case non se estila nin agora», indicou Bocixa. E sobre a súa nova compañeira no escenario, indicou que «aporta moito á banda, máis aló do musical».

Laura falou sobre ese libro en proceso, que non chega para o aniversario exacto, senón que seguramente haberá que espetar á primavera. Houbo moito que rescatar, que preguntar, que lembrar. «Bastante xente xa non se lembra de cousas que pasaron naquela época, será que había moita festa», chanceou tamén. Pero unhas foron tirando doutras e ao final si que se recompiaron «moitas lembranzas, cada un as súas, que son as que se aportan». A presentación deste volume tamén terá un día especial, máis adiante, aínda sen fixar. «Vai ser un libro máis diferente do habitual», afirmou Bocixa.

Xosé Bocixa irá con Zënzar.
Xosé Bocixa irá con Zënzar. casal< / span>

E, ademais, quen asistan ao concerto de Santiago terán un desconto ao presentar a súa entrada, que, por certo, pode adquirirse xa de moitos xeitos. De xeito físico, en locais de Ordes , Santiago, Carballo, Carral, Guitiriz, Melide e, obviamente, Cerceda. De xeito dixital, na web de Ticketandroll . E, en todo caso, información de todo tipo na propia páxina do grupo, en www.zenzar.info.  

Vira o ano que vén

Bocija tamén avanzou que o próximo ano, xa ao virar a esquina, o grupo terá xira. Agarda recalar en Carballo , na sala A Reserva, que está recuperando os concertos de rock nas últimas fins de semana. A capital de Bergantiños é unha praza coñecida para os cercedenses, e de feito o ano pasado tocaron no Casino. Quen queiran ver o seu último traballo non teñen máis que buscalo en Youtube co título de Non é casual.

Unha noite con moitos grupos e vellos coñecidos dos escenarios   

O concerto do aniversario na Sala Capitol leva o título de 35 anos bourando. A animación xa comezará ás nove da noite, con Peter DJ, e o forte empezará unha hora máis tarde con todos os invitados: M. Silveira, que foi tamén un dos fundadores da banda e con 12 Labirinto; Vituco (Ruxe e Ruxe, Xenderal), Mario C. Vila (Túzaros, Urko), Soneira (Kastomä, Zeltia Irevire), Martín e Gonzalo (Machina), Mou DKTC, Ares (vos do Xalo), O Reverendo, Miguel Duarte... «E máis sorpresas por anunciar», promete o cartel. A entrada anticipada costa doce euros, e tres máis en despacho de billetes.

O concerto serviralle a moitos para lembrar ou para coñecer á banda galega que máis anos leva facendo rock en galego de xeito ininterrompido. Os primeiros anos empezaron con Manuel Silveira, Manolo García, Xosé Antón Bocixa, Luis Gómez e José Antonio Regueiro (Tabe). A súa actuación inaugural foi no disco pub Non Sei en 1988.