Cerceda frea a escalada xeneralizada do paro, que segue nas peores cifras dos últimos anos

La Voz CEE / LA VOZ

CERCEDA

Salvo en Dumbría e Corcubión, no resto de municipios sobe o desemprego

04 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

De non ser polo caso excepcional de Cerceda, que reduciu en 51 persoas a lista de desempregados, os datos do paro deste pasado mes de decembro serían igual de alarmantes que os do pasado novembro. Con todo, segue en ascenso xeneralizado no conxunto da zona, onde unicamente Dumbría rebaixa as súas cifras minimamente con catro demandantes de emprego menos rexistrados.

Nos outros 14 municipios de Bergantiños, Soneira e Fisterra, salvo Corcubión que segue coas mesmas cifras, o paro crece case de xeito correlativa á poboación, co que son Carballo, A Laracha, Vimianzo e Cee os que suman as maiores subidas.

«Pois non sei a que pode obedecer porque plans de emprego e obradoiros neste momento tampouco temos ningún, porque hai un pero aínda non comezou. Agora que tamén hai que ter en conta que 50 e tantas persoas tampouco son tantas, porque unha empresa como Lamelas igual colle xa aos 50 xuntos, igual que despois tamén os deixa», explica o alcalde cercedense, José García Liñares.

En conxunto a subida é de 176 parados máis con respecto a novembro, mes no que o crecemento xa foi significativo con 249 parados máis, despois dunha campaña estival que tampouco resultou especialmente positiva para o emprego na zona.

Por sectores a destrución é xeneralizada e acúsana especialmente os servizos porque tamén é o ámbito que máis cantidade de traballo mobiliza na zona. En calquera caso, chaman a atención datos como que só en Bergantiños haxa 1.031 persoas cun emprego anterior na industria que agora están apuntadas na lisas do paro por 692 procedentes da construción.