Os fieis apoiaron o ano especial da Xunqueira de Cee

La Voz CARBALLO/ LA VOZ

CEE

A patroa percorreu as rúas portando o bastón de mando que a recoñece como alcaldesa perpetura da localidade, e fíxoo entre unha marea de xente

16 ago 2025 . Actualizado á 01:27 h.

Cunha media lúa dourada aos seus pés, portando o bastón de mando que lle foi entregado o xoves para recoñecela como alcaldesa perpetua de Cee, a Virxe da Xunqueira saíu este venres 15 de agosto en procesión no día grande das súas festas. Un dos máis concorridos, segundo apreciaron desde a Unidade Pastoral. Ao vento do mediodía, que obrigou a lanzar a traca a man, sumouse despois a néboa, o que levou a aprazar os fogos artificiais para a semana. No entanto, iso non restou nin un chisco de emoción neste ano especial: a virxe portará o bastón sempre que saia do templo.

Máis aló do lúdico, cun entregado concerto da Banda de Música dirixida por Fernando Fraga e doutras propostas, é de destacar a danza de espadas que se viu diante do santuario, como se fixo no 2022 da súa recuperación, ou a petalada (tirada de pétalos) sobre a virxe acompañada pola voz da soprano Gemma Román nunha Ave María.

BASILIO BELLO

Foi a sorpresa do día nun ano no que tamén se arranxaron os estandartes da Xunqueira e de San Roque. Estreouse así mesmo o da coroación, reparacións e hechuras levadas a cabo en Córdoba e Sevilla e posible grazas a carrexadores e devotos. Durante a misa lembrouse a Santa Misión por parte dos xesuítas hai 75 anos, e a novena especial daquel 1950 en Cee. Este 2025 conmemórase ademais o 75.º aniversario do dogma da Asunción, do que se anunciaron importantes actos para próximas datas: este mesmo mes, setembro e tamén outubro, cando haberá un encontro mariano.