Artificio con sabor a sal en Cee

CEE

JORGE PARRI

Stoupa e Cruceiros Fisterra promoveron unha ruta para observar os lumes da Xunqueira: así foi

17 ago 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Non hai verbena que se prece que non sexa coroada cunha boa sesión de fogos de artificio. Os da Xunqueira son xa míticos en toda a Costa da Morte e, a pesar de que nos últimos anos han minguado en duración, non deixan indiferentes a veciños e curiosos, que non dubidan en levantar a vista ao ceo para observar o espectáculo pirotécnico. O martes, ademais, a galería ceense Stoupa e a empresa de turismo náutico Cruceiros Fisterra colaboraban na celebración dunha ruta nocturna en barco para observar os lumes desde a posición privilexiada que ofrece a ría de Corcubión. Aínda que cun pouco de atraso, o barco partía cun bo número de pasaxeiros que se apiñaban nos exteriores da embarcación, nunha noite na que as nubes se tomaban un descanso para deixar ao descuberto un gran manto estrelado.

A bordo do «María Elena»

Entre música, copas e aperitivos, os asistentes eran partícipes dun percorrido por toda a ría. Aínda que un pouco faltos de iluminación, deixáronse ver o Castelo do Príncipe, Caneliñas ou o Carrumeiro. O Ézaro, O Pindo e a gran praia de Carnota asomaban tamén antes de que o María Elena apurase o paso e virase rumbo para situarse no centro da ría e así obter a mellor perspectiva para observar o que viña.

Chegadas as doce da noite, os lumes daban comezo entre gran expectación. Na embarcación imperaba entón un gran silencio, que só se vía alterado polo sutil ir e vir da auga e pola magnitude da pirotecnia. Durante quince minutos, a vila de Cee vestiuse coas súas mellores galas de cores. Desde o María Elena de Cruceiros Fisterra, o espectáculo non tiña igual. Dobremente espectacular, e dobremente emocionante. Ao rematar, gran ovación desde Cee, pero tamén se oíron aplausos desde o porto de Corcubión, onde se apiñaban decenas de curiosos. Na embarcación oíanse críticas á duración do espectáculo, pero tamén moitos «Ata o ano que vén» e outros tantos «repetiremos». Artificio con sabor a sal, unha experiencia para vivir, e contar.