As taxas dos ambulantes da feira de Carballo baixan máis da metade

Santiago Garrido Rial
s. g. rial CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO · Exclusivo subscritores

ANA GARCÍA

O alcalde renuncia á dedicación exclusiva e dimite un edil do PP

17 jun 2025 . Actualizado á 16:41 h.

Os vendedores ambulantes que acoden ás feiras de Carballo pagarán menos ao Concello do que o fan agora, cunha redución superior ao 50%, pasar, con carácter xeral, dos 0,63 euros o metro cadrado de ocupación aos 0,27. Os beneficiarvos son os profesionais que venden no xardín e na Praza do Concello, e practicamente non afecta os pequenos produtores de tempada.

Os ambulantes pagarán unha taxa menor, pero fixa, co que se trata de garantir que a oferta sexa permanente, e evitando tarifas que poidan considerarse disuasorias, senón atractivo. É unha medida máis dentro dun marco máis amplo que o Concello pretende levar a cabo no seu camiño cara ao selo de Mercado Excelente, e que foi avanzado polo concelleiro responsable da área, Ramón Varela. Fíxoo onte na alcaldía xunto ao rexedor, Evencio Ferrero, e a edila Maica Ures, ao dar a coñecer os asuntos da sesión plenaria deste próximo xoves, día 19, que será ás 9.15, unha hora insólita, pero debida ao adianto polas festas de San Xoán.

En definitiva, o cambio da ordenanza vai en relación ao que se paga polo chan que se ocupa, e na zona máis cara, polo que non entran os ambulantes da Milagrosa. E faise cun estudo de custos máis aproximado á realidade que o que estaba regulado, indicou Varela. Tampouco é que a xestión municipal directa sexa veterana (apenas un par de exercicios desde o cambio do anterior sistema concesional), polo que as melloras van chegando aos poucos.

No pleno, por outra banda, darase conta da renuncia do alcalde, Evencio Ferrero, á súa dedicación exclusiva, para pasar a cobrar directamente como xubilado. Ao cumprir os 70 anos (a semana que vén), non ten máis prórrogas da súa praza de docente no instituto Alfredo Brañas, así que cambia de réxime, como xa fixeron no seu momento outros compañeiros.

Outro cambio do que se dará conta no pleno é a renuncia á acta de concelleiro de Javier Calvelo, do PP, debido motivos persoais e profesionais, de falta de tempo para a actividade política. Chegou á corporación e ao grupo popular hai dous anos, como números seis da lista. No seu lugar entrará a número sete, Sheila Cotelo Lado. O portavoz, Rubén Lorenzo, agradeceu o traballo do seu compañeiro, ao que cualificou de «traballador e moi comprometido co seu labor á hora de traballar pola veciñanza de Carballo, en concreto, pola súa parroquia de Entrecruces». Seguirá vinculado ao PP, pero centrarase na súa explotación gandeira.