Premio Concepción Arenal para o CRA de Carballo

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

O Abaladoiro | O centro Ponte da Pedra convenceu ao xurado co seu proxecto «ArROUPAme na Igualdade»

31 ene 2025 . Actualizado á 20:11 h.

ArROUPAme na Igualdade, un proxecto do Colexio Rural Agrupado Ponte da Pedra, de Carballo, vén de alzarse merecedor da décima edición do Premio Concepción Arenal para proxectos educativos pola igualdade de xénero. Fíxoo na categoría de primaria, de par do Conservatorio Profesional de Música da Coruña, que obtivo o galardón no apartado de secundaria. A proposta do CRA Ponte da Pedra foi elixida entre as presentadas polos sete centros de ensino da provincia que concorreron a este certame convocado pola área da Igualdade da Deputación, cun xurado presidido pola responsable provincial desta rama, Sol Agra. Destacou do proxecto carballés o equipo encargado das valoracións o feito de ser «un proxecto técnico estruturado, claro e coherente». Cun título, ademais, moi en simbiose con contido, en tanto que ArROUPAme na Igualdade céntrase «en explorar e cuestionar os estereotipos de xénero na moda, en reflexionar sobre o impacto social e cultural da vestimenta como expresión de diversidade e identidade, así como en concienciar sobre as desigualdades laborais e éticas no sector, promovendo un consumo responsable».