A lingua

santipazos
santipazos O Abellón

CARBALLO MUNICIPIO

SANDRA ALONSO

17 may 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

Eu son galegofalante tardío por méritos propios. Teñen que saber que para escribir estes artigos na lingua que fala a xente desta terra na que nacín, aínda tendo en conta que meus pais sempre a falaron, teño que facer un custoso esforzo intelectual. Certo é que cada día me cansa menos e gozo máis. O devir da miña vida levoume, dende que era bebé, por lugares nos que o castelán imperaba de xeito absolutista. E cando vivín en Galicia, entre os dez e os dezaoito anos, o galego non se impartía na educación nin sequera como materia de estudo, aparte de estar mal visto en certos ambientes sociais, onde eras marcado como aldeán se o falabas. Cando regresei a Carballo, nos anos noventa, a maioría dos meus antigos amigos expresábanse en galego e respectaban o meu castelán sen ningún tipo de prexuízo. Teño que confesar que, sen falalo, entendíao e líao bastante ben. Ata que chegou un momento que me sentín incómodo porque moita xente contestábame nun castrapo que eu sentía como unha rendición lingüística e de identidade inaceptable. Aí decidín que alguén coma min, universitario, que viaxara a Londres para aprender inglés, que defende a pluralidade cultural por encima de todo, tiña que dar un paso ao fronte e falar coma os meus. Fixen o Celga 4 en dous meses e aprobeino á primeira. Certo que foi máis polas capacidades de comprensión, expresión e redacción, que polo coñecemento da lingua. A partires de aí xa podía falar galego sen medo. E por moito que se riran de min por pronunciar mal o xe, mesturar castelanismos ou trabucarme con verbos compostos e descompostos, acentos diacríticos ou críticos, decidín que a lingua para relacionarme coa miña xente tería que ser a nosa, a miña, a que nos fai únicos. Feliz día das Letras! E non deixen de falarme...