O IES Parga Pondal forma aos seus alumnos na defensa das especies botánicas autóctonas

Cristina Viu Gomila
Cristina Viu CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

ANA GARCÍA

Voz Natura | O instituto carballés acolle unha exposición e charlas sobre especies invasoras, incluídas mecosas, calas e jacintos de auga

30 abr 2024 . Actualizado á 05:00 h.

O instituto Parga Pondal de Carballo acolle desde onte un taller da asociación Amabul sobre especies invasoras. Forma parte a actividade do proxecto do centro no programa Voz Natura, que promove a Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre. A actividade céntrase nunha exposición a través da cal os estudantes poden coñecer os efectos que determinadas plantas procedentes de fóra poden ter na flora ou a fauna autóctona. Trátase de que aprendan a distinguir co fin de preservar os exemplares botánicos autóctonos.

Ademais de abrir a mostra, Rubén Villasenín, responsable da entidade encargouse de ofrecer charlas complementarias ao que xa se pode ver nos paneis. Pola mañá asistiron os estudantes de cuarto da ESO e despois fixéronos os de primeiro de bacharelato. Todos eles cursan bioloxía. Tamén houbo outros grupos.

O presidente de Amabul explicou que enténdese por especies invasoras e falou de cuestións como a procedencia e a forma en que chegaron, que pode ser accidental ou voluntaria posto que moitas destas especies teñen un gran valor ornamental e foron traídas precisamente por esa razón, como é o caso da herba da Pampa, que colonizou boa parte da zona ou mesmo as calas e as mecosas. Referiuse especialmente ás plantas que crecen nos ríos, como os jacintos de auga. Tamén fixo referencia ás principais características de cada exemplar e detallou os prexuízos que causan. Ademais referiuse ás posibles solucións para erradicar o problema.