«Marcos Rodríguez ten a potestade de crear un 'finis terrae' que é sempre comezo»

Patricia Blanco
P. Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

ANA GARCIA

Cheo no Museo de Bergantiños carballés para a presentación da obra de fotografías «Finis Terrae»

24 abr 2024 . Actualizado ás 20:41 h.

Co Museo de Bergantiños ata os topes de oíntes pechou Carballo o Día do Libro. Quen alí chegou este martes 23 de abril fíxoo para saber máis do primeiro libro do fotógrafo carballés Marcos Rodríguez, Finis Terrae, na que era a primeira presentación da obra na comarca. A seguinte, este domingo en Cee, ás 18.00.

«Escrita, ilustración e imaxe impulsaron o progreso da humanidade», expuxo Miguel Suárez para dar a benvida a esta cita promovida desde as áreas de Bibliotecas e Cultura. O agora museo foi no seu día cárcere: «Un lugar de obrigada represión pasou a ser lugar de libre expresión». E os disparos de Marcos Rodríguez, mensaxes de perpetuidade con futuro. A súa obra, contou Pablo Quintana, da editorial Canela, supón para esta casa o primeiro achegamento á Costa da Morte. Finis Terrae é o quinto volume da colección Imaxes dun país, centrada na cultura popular tradicional. Foi a fotografía dun rostro feita por Marcos, vista en prensa, a que levou á editorial a querer saber máis do carballés, e así descubriron a súa obra. Ese rostro, o da señora María, é agora a portada precisamente do libro.

ANA GARCIA

Rodríguez estivo acompañado en Carballo pola poeta Rosalía Fernández Rial, autora do prólogo, quen cualificou a velada de Porque «feito histórico». o que se presentaba era a obra «dun xa clásico», «un olímpico», dixo en alusión aos galardóns de Marcos a nivel internacional, e porque moitas destas 170 imaxes de Finis Terrae «hoxe en día xa non se poderían facer, porque non existen, estamos ante un cambio de era». Citando a Jonh Berger, Rosalía dixo das fotografías de Marcos que son «un faro»: «Isto fai que neste Finis Terrae cada un atope a Costa da Morte que experimentou (...). Marcos ten a potestade de crear un finis terrae que é sempre un comezo». Emocionado, o fotógrafo lembrou os seus inicios, a vella cámara do seu pai, o seu gusto por «camiños e xente»: «Que o meu traballo vos guste é algo que me sobrepasa, non esperaría algo así».