De lectora a libreira: abriu Espazo Lector Nobel en Carballo

Patricia Blanco
P. Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

ANA GARCIA

O Abaladoiro | «Crear ambiente cultural» ou «compartir» están entre os obxectivos de Silvia Gutiérrez, responsable. Onte acolleu o local dúas presentacións literarias

13 abr 2024 . Actualizado ás 14:24 h.

A Silvia Gutiérrez, veciña de Bértoa desde hai 14 anos, os libros acompañárona sempre. Ler gustoulle desde nena e cos seus catro fillos seguiu ampliando biblioteca. Agora, no entanto, deu o salto alén, e no canto de compralos, que tamén, véndeos : ela é a responsable da librería Espazo Lector Nobel en Carballo, unha franquía. Abriu o pasado 1 de febreiro, no número 11 de cálea Igrexa, e está moi contenta coa acollida.

Tiña claro Silvia varias cousas: que de emprender sería en algo relacionado con este mundo e que sería preto de casa: «Conciliar». Considerou que este proxecto podía encaixar ben na capital de Bergantiños: ofrecen literatura infantil, xuvenil, de adultos, xogos didácticos, papelería e, chegado o momento, libros de texto. Organizaron xa talleres para nenos e onte estrearon as presentacións literarias, cos autores Rober Cagiao e Marta Estévez.

Presentounos Marta Villar. Hoxe ás 12.00 haberá outra, con Abril Camiño e a súa obra O noso último verán na illa. «A idea é crear ambiente cultural, compartir. Aos que nos gustan os libros gústanos falar e que nos falen de eles», apunta Silvia, que ten unha traballadora. Espazo Lector Nobel abre de luns a venres de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.30. Os sábados e domingos de feira, de 10.00 a 14.00.