O documental «Rapa» inicia periplo polos cines desde Carballo

Patricia Blanco
P. Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

ANA GARCIA

Os Multicines Bergantiños acolleron este martes un pase da película, ópera prima de Alejandro Enríquez

20 mares 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

Como xa fixeran a pasada semana os Cines Alfonsetti de Betanzos , os Multicines Bergantiños de Carballo acolleron na tarde-noite deste martes a proxección do documental Rapa, ópera prima do director Alejandro Enríquez. Foron os primeiros pases ante o público dunha cinta que chegará ás salas, de forma oficial, este venres 22 de marzo. O propio Enríquez acudiu a Carballo, onde unha vez rematada a proxección mantivo un coloquio cos asistentes, no que profundou nas súas intencións á hora de acometer este documental-película que protagonizan persoas que traballan para preservar a tradición de rápaa dás bestas na Galicia rural, particularmente en Sabucedo (A Estrada). Vínculo humano con cabalos e terra: conexión coa natureza. Varias ameazas: desde o lobo aos eólicos.  

Na súa intervención en Carballo, Enríquez incidiu na importancia que lle quixo dar ás sensacións, á vez que á viaxe visual. Quixo, tamén, que fose unha película coral, atendendo a un «triángulo»: as persoas, os equinos e o monte. Non quixo elixir un único personaxe e retratar a través del todo un pobo, viuno imposible para unha lectura «completa» e por iso tirou por onde lle dicía a súa intución: «Agora a peli xa é máis vosa que miña», confesoulles aos espectadores. Empezou con este proxecto no 2018 e despois chegou a pandemia. Corría o 2022 cando o retomou, e o documental articulado é unha mestura de tomas antigas e máis recentes. O final, por exemplo, gravouse fai seis anos: «Con isto acabo a peli si ou si», díxose na súa Enríquez, e así foi. A música da peza chega de mans de Julio da Rosa, compositor de bandas sonoras, e semella que acertou de pleno.