O xeógrafo Pérez Alberti: «En Galicia o territorio leva mal o zoom»

P. BLANCO / F. RODRÍGUEZ CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Pérez Alberti, este pasado venres, no Casino de Carballo
Pérez Alberti, este pasado venres, non Casino de Carballo ANA GARCIA

Gentes del Finis Terrae | Vén de participar en Carballo no ciclo de conferencias impulsado polo Instituto de Estudos Bergantiñáns con motivo do seu 25.º aniversario 

14 feb 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

O Instituto de Estudos Bergantiñáns (IEB) está de celebración neste 2024: festexa o seu 25.º aniversario. Con tal motivo, a entidade organizou un ciclo de conferencias que botou a andar o pasado venres no Casino de Carballo, e que tivo como relator ao xeógrafo Augusto Pérez Alberti. Titulou a súa conferencia: Territorio e paisaxe de Bergantiños. El mesmo, tamén grande investigador da xeomorfoloxía, do clima e dos solos de Galicia, abordou en Radio Voz toda esta materia:

—Houbo en Carballo unha sala ben chea e semella que interese.

—Había tempo que non ía por esa zona, si fun non hai moito pola costa, pero non polo interior de Bergantiños, e por Carballo. Quedei gratamente sorprendido de cheo da sala. Habería que preguntarlles aos asistentes se quedaron contentos do que contei [ri].

—«Territorio e paisaxe de Bergantiños»: é materia ampla.

—Aproveitando que unha das miñas liñas de traballo é o uso de sistemas de información xeográfica, quixen intentar entender eu tamén como era realmente o territorio e a paisaxe de Bergantiños. Empregando fontes moi diversas, puiden ir construíndo uns mapas para saber con maior exactitude como eran as formas do terreo e a relación que hai entre os asentamentos, as aldeas, e o territorio. A distribución dos cultivos, a actividade, os camiños... Foi un traballo extenso, porque dunha vez que me invitaron metinme moi de cheo, pero realmente interesante entender esa diversidade de paisaxes que se poden ver en Bergantiños fronte a esa idea que poida haber de certa uniformidade, zona achairada... E non. Sempre gustei moito desta comarca, toda a cunca do Anllóns é interesante. Verdes, a desembocadura do río, que é unha marabilla a nivel xeomorfolóxico e paisaxístico, a enorme riqueza arqueolóxica... Logo deste traballo que fixen, e unha vez que vin dende arriba como é, quedei con ganas de volver e co dron sacar fotografías paisaxísticas para entender mellor cuestións como as relacións entre o manexo das mulleres e os homes do territorio, o por qué do emprazamento das aldeas... Ao redor as hortas, nas zonas húmidas o millo, máis abaixo os prados... Gustaríame afondar.

—Elaborou todo ese traballo de cartografía para a ocasión.

—Si, de atrás viña o meu coñecemento que había da comarca, aínda que sobre todo da costa. A nivel cartográfico, comecei de cero. Fixen mapas, diversos, aprendín. Sabía que había moitos castros, pero agora con estes modelos dixitais de elevación aparece todo, e é incrible a nitidez coa que se poden ver, castros que nos están indicando unha moi antiga ocupación do territorio bergantiñán.

Pérez Alberti estivo acompañado por Evaristo Domínguez Rial e Xan Fernández Carrera
Pérez Alberti estivo acompañado por Evaristo Domínguez Rial e Xan Fernández Carrera ANA GARCIA

—Os galegos coñecemos ben o territorio no que vivimos?

—Diría que non. Cada un coñece o territorio onde vive, estou convencido de que os de Bergantiños coñecen a seu e eu que son do Ribeiro o meu. Pero despois, cando pateo por aí, sobre todo montañas, sorpréndeme iso, non atopar xente pateando. Contrasta con outros lugares. A diversidade que temos en Galicia é enorme, é un pequeno mundo de contrastes territoriais, paisaxísticos, lingüísticos, etnográficos, culturais... Estase vendo co entroido.

—Que papel cre que poden xogar entidades como o IEB?

—Un fundamental. A veces dende a Universidade e dende a academia non se valora na xusta medida o labor que fan aquelas persoas que traballan dende a localidade. Fano con profundidade. Estou lendo un libro de Xan Fernández sobre Muxía e a pesca, e teño tamén amais o do Monte Neme, o do Anllóns... Aportan moita información, información que se está a perder. Axudan a que quede cando menos na memoria. Artes de pesca, tradicións...

—Ten pateado tamén esta zona?

—Nos 80-90, cando creáramos a Sociedade Galega de Xeografía, que facía moitos percorridos, lembro ter ido. Cando fun para a Universidade deixei un pouco esa zona, Bergantiños, Soneira, a Costa da Morte, agás a costa, é unha das miñas liñas de investigación.

ANA GARCIA

—Din que é o maior experto actual na Xeografía Física de Galicia.

—Non o sei, si sei que sempre gostei moito da xeografía, sobre todo a física, e xa dende a miña época de profesor de secundaria defendín a importancia de ensinarlles aos rapaces da contorna próxima. Desa primeira fase máis didáctica pasei a unha máis científica, que me supuxo como dicía patear moito. Pero aínda me queda por aprender, teño que dicir.

—Territorio e paisaxe de Galicia, en canto a coidado, mesmamente, teñen o rango que merecerían?

—Non. Agora estamos en eleccións, estiven mirando e vexo pouco ou case nada de referencias a territorio e paisaxe. E é fundamental: hai que coidar o lugar onde vivimos, facer unha paisaxe harmónica, atractiva... En Galicia o territorio leva mal o zoom. Se o collemos de lonxe, que hai moito verde, a cousa muda, pero achegándonos hai desfeitas, descoidos... Non vexo amor profundo polo territorio, pola terra si, pola de cada un, pero non polo territorio, como algo social, que pertence a todos. É algo que boto en falta, tamén no debate electoral.