O aparcadoiro de camións chegará ao polígono de Bértoa tras 2 anos de trámites

Santiago Garrido Rial
s. g. rial CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Ana García

Terá 42 prazas e estará rodeado dunha pantalla vexetal

29 ene 2022 . Actualizado ás 19:29 h.

O polígono industrial de Bértoa, en Carballo, terá nos próximos meses o ansiado aparcadoiro para camións, con 42 prazas e proxectado polo Concello. E farao tras case dous anos de trámites, porque foi necesario aprobar unha modificación puntual do PXOM para o espazo no que se construirá. En concreto, xunto a cálea Bronce e o campo de fútbol das Eiroas, nunha superficie de 4.684 metros cadrados dentro dun ámbito case dez veces maior (44.812) de espazos libres e zona verde.

En todo este tempo, para sacar adiante ese cambio, houbo que percorrer un amplo camiño burocrático de numerosos informes sectoriais, con audiencia mesmo aos concellos limítrofes da Laracha, Cerceda, Coristanco, Malpica, Ponteceso e Tordoia. Só contestaron Malpica e Tordoia, naturalmente sen formular obxeccións. A modificación, precisa para ser a partir de agora un sistema local viario de carácter público e que garante que non xerará danos ambientais, acaba de ser aprobada pola Consellería de Medio Ambiente, e foi publicada onte no DOG. O aparcadoiro , unha reiterada demanda da comunidade de propietarios, estará rodeado dunha pantalla vexetal.

A zona na que se situará xa se usa, na práctica, como aparcadoiro informal de camións, pero sen os servizos necesarios e sobre terra. Hai anos houbo nesa zona un circuíto para coches por radiocontrol.