A loteira dos 311.000 euros en Carballo: «Con este premio imos quentando motores para o Nadal»

p. varela / f. rodríguez CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

ANA GARCIA

María Eirís, da Administración de Lotería número 2 na capital de Bergantiños, prevé un bo final de ano en vendas de boletos

13 novs 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Carballo asistiu esta semana, entre martes e xoves, a un refacho de boa sorte: dous cupóns premiados da ONCE e un primeiro premio da Bonoloto —este último, de 311.000 euros—, un motivo de alegría na capital de Bergantiños coas festas do Nadal non moi lonxe no tempo.

María Eirís, da Administración de Lotería número 2 de Carballo, a de Alexandra , foi quen repartiu este boleto gañador. Entrevistada este venres en Radio Voz Bergantiños, Eirís mostrou a súa satisfacción polo ocorrido. «Agora, que siga o refacho. Con este premio imos quentando motores para o Nadal», expuxo nas ondas.

No establecemento constatan que, ao revés que o ano pasado, cando o confinamento derivado da crise sanitaria de covid-19 minguou notablemente as vendas, neste 2021 recuperáronse, e con forza. «Estamos a primeiros de novembro e case nos estamos quedando sen terminacións, algo que era máis habitual a inicios do mes que vén», contou.

Neste sentido, Eirís intúe que estes 311.000 euros, cuxo gañador aínda non transcendeu, poden supor un novo empuxón para a adquisición dos boletos aínda dispoñibles. «Pode ser o preludio dunha boa campaña de Nadal. Se cadra, ata supera as cifras do ano 2019. Xa estamos a empezar a ver movemento, con empresas que se anticiparon para poder repartilos», conta a loteira carballesa.