Os 1,3 millóns do superávit de Carballo vanse para obras na zona rural

s. g. CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

José Manuel Casal

A Xunta de Goberno Local iniciou a contratación de actuacións de vías, auga e saneamento

19 novs 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O Concello de Carballo acaba de pór en marcha o procedemento de contratación de obras centradas en saneamentos, abastecemento de auga e mellora de vías, todas na zona rural, e repartidas polas parroquias de Ardaña, Rus, Oza, Artes e Sofán. Os procedementos de contratación foron aprobados na Xunta de Goberno Local de onte, dando cumprimento ao acordo plenario adoptado en setembro. Como xa se apuntou naquel momento, os traballos financiaranse cos 1,3 millóns de euros do superávit da liquidación do ano pasado.

Os 1,3 millóns son unha cantidade importante, pero mínima (un 10 %) se se compara co total do remanente, de 13 millóns, que de momento, e como nos anos anteriores, non se pode tocar.

As actuacións están repartidas en cinco grandes grupos. O primeiro, a mellora da capa de rodaxe no viario de Xamozo (Artes) ata Santa María (Ardaña): 245.748 euros. O segundo, o mesmo no viario de Paradela a Prearada, en Sofán: 232.369 euros. En terceiro lugar, a conservación e mellora de pavimentos en varios lugares de Rus, Artes e Oza: 315.474 euros. Destaca a parte frontal da igrexa de Rus, onde está pendente a retirada completa do cableado. En Artes pavimentarase a pista de acceso ao centro social, o campo da festa. En cuarto lugar, a rede de abastecemento de auga desde Santa María de Ardaña ata A Canosa-Rus: 323.203 euros. Finalmente, un rede de saneamento na parroquia de Artes. En concreto, nos lugares de Altiboa, Vilarvello, O Alto, Vilanova e Baltar, por 199.884 euros de licitación. Desde o goberno local sinalan que no deseño destas obras hanse atendido as suxestións dos respectivos consellos parroquiais.

Doutra banda, na a Xunta de Goberno Local tamén se aprobou o pagamento de facturas por 3.367 euros, e 13 licenzas urbanísticas, seis para a construción ou ampliación de vivendas unifamiliares. Ademais, deuse conta do resumo de ingresos da recadación municipal correspondentes ao trimestre de xullo a setembro, por valor de 198.055 euros de caixa municipal, e 95.280 dá recadación municipal. Xa fose da orde do día, segundo sinalan desde o goberno local, deuse conta da firma recente (a semana pasada) dun convenio entre o Concello, a Fundación Galicia Obra Social e Abanca para a exposición «Unha mirada de antano. Fotografías de Ruth Matilda Anderson en Galicia».