Máquinas de escribir tiradas en Carballo teñen nova vida

nuria guillermo / s. g. CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Zaira Pallas

José Luis Villar leva case quince anos recollendo estes elementos do punto limpo municipal

11 ago 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Os obxectos dos que a xente se desfai por falta de uso poden converterse en pezas de colección moi valoradas polos amantes das antigüidades. Este é o caso das máquinas de escribir que posúe José Luis Villar Antelo, un veterano traballador de Aspaber, encargado do servizo municipal de limpeza de Carballo, que leva rescatando estes elementos do punto limpo desde fai case quince anos.

«Empecei a traballar na oficina de Aspaber no 2004, e levo recollendo máquinas de escribir desde o ano seguinte. Normalmente, os usuarios do punto limpo íanas traendo para tiralas e eu, ao ver que a xente non lles facía caso, pedín que todas as máquinas que entrasen no punto limpo trouxésenmas a min. Púxenas nuns mobles e fixen unha colección preciosa de entre 50 e 60 máquinas», explica Villar.

A iniciativa xorde da súa agrado por estes artigos. «Aprendín a escribir en máquinas antigas. Sempre me gustaron as máquinas de escribir, desde pequeno. Un par delas trouxéronmas coñecidos que viron a colección, pero case todas proceden do punto limpo de Carballo. Parecíame moi triste que acabasen nun vertedoiro», afirma.

Desde o momento no que comezou a adquirilas situounas no moble no que están expostas actualmente. «Agora teño que facer máis mobles, porque as teño unhas amais doutras. Xa non me caben», comenta Villar. Decidiu situalas na súa oficina de Aspaber, á que calquera persoa pode acceder para velas. «Cando eu me vaia quedarán aquí. Non se que farán con elas, pero imaxínome que as manterán», engade.

A colección está constituída por diferentes modelos destas máquinas, todas elas con máis de 25 anos, fundamentalmente de marca Olivetti. «En xeral, só hai que facerlles un pequeno mantemento. Como moito houbo que arranxar un par, pero adoitan estar en bo estado. Todas elas funcionan», afirma Villar.

«Tamén teño unhas radios antigas, dúas ou tres, que se rescataron no seu momento e quedaron aí, e unha cámara de fotos. Poderíanse recuperar moitos obxectos diferentes. O que máis quero destacar son as máquinas de escribir, pero tamén se tiran moitas radios. Non se se alguén máis leva a cabo iniciativas similares, pero supoño que haberá máis xente que o fai porque se colecciona de todo», informa.

En canto aos antigos propietarios destes obxectos, José Luis Villar comenta: «Se a xente coñecese un pouco o que tira, seguramente non o faría. Poderían aproveitarse moitas cousas. Agora xa non hai tantas máquinas de escribir, a xente adoita gardalas ou vendelas porque empezan a saber o que teñen».

Ademais, propón Internet como solución para aquelas persoas que queiran desfacerse dalgunha antigüidade que se atope en bo estado. «En moitas ocasións, cando vexo unha máquina de escribir, pregúntolle á persoa se vai facer algo con ela, e se planea tirala expóñolle se ma dá ou ma vende . Antes de tirar algo que é antigo e que pode haber quen o coleccione, pódese colgar un anuncio na Rede. Creo que é unha boa idea», conclúe.

A colección é un caso singular, xa que no punto limpo de Carballo está prohibido que a xente acceda a rescatar obxectos. Desde alí afirman que non adoita haber ningún en bo estado.