O Escola Lubiáns logra a proeza

Antonio Longueira Vidal
Toni Longueira CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

CRÓNICA E ÁLBUM | Hockey  | Venceu ao Dominicos B (7-2) e xogará a OK Bronce

10 feb 2019 . Actualizado ás 21:22 h.

O Escola Lubiáns Calvo figura entre os oito mellores elencos do norte de España para disputar a OK Bronce. É a primeira vez nos 36 anos de historia do club, que o cadro carballés disputa unha fase de ascenso á división de prata do hockey nacional.

Aos de Jorge Lamas López, Cholo, valíalles o empate para clasificarse, tras o triunfo logrado o sábado polo Compostela. O Carballo Calero rexistrou unha moi boa entrada. Unha pancarta presaxiaba o que sucedería despois: «Coristanco para patacas e Ordes para os grelos. Para xogadores de hóckey os que no Lubiáns temos».

En fronte, un rival que callou un gran partido. O Dominicos B plantou cara. E non só iso, senón que o fixo con xente nova e despois de disputar un encontro aprazado en Santiago, que comezara ás once da mañá. De feito, os de Pablo Togores chegaron xusto ao pavillón Carballo Calero para colocarse os patíns e as luvas e pórse a xogar.

O duelo empezou vibrante. Non transcorreran nin dous minutos e os locais xa vencían por 2-0 grazas a senllos remates certeiros de Manu e Nando. O preparador visitante viuse obrigado a pedir tempo morto e pegar un par de berros para que os seus xogadores se puxesen as pilas.

BASILIO BELLO

E vaia se o fixeron. Apertaron ao rival, empezaron a trenzar xogadas e a merodear a portería local. Mesmo cun menos en pista durante dous minutos por exclusión de Carlos, o Dominicos B non lle perdeu a cara ao partido. Pero en fronte había un rival que cada vez que pisaba área era sinónimo de perigo. O gardameta visitante tiña moito traballo. Aos poucos, o partido foise equilibrando ata que, con algo de fortuna, Nando (min 10) establecía o 3-0. Lanzou desde unha banda, a bóla coouse por baixo das pernas do cérbero e entrou na portería tras pegar no poste. Quizais demasiado premio para os méritos duns e doutros.

Catro goles máis

O partido entrou de novo nunha fase de control ata que, en dous minutos (19 e 20), Fabi e Marcos puñan o 5-0 para o Lubiáns. Restaban cinco minutos para o descanso e o Carballo Calero era unha festa. Pero o Dominicos B non se deu por vencido e Íñigo, de falta directa, e Juan recortaban diferenzas. Con 5-2 chegouse ao descanso.

A segunda parte foi de control absoluto do Escola Lubiáns, que dominaba a pracer a un Dominicos B que apenas inquietaba a portería local. Fabián (min 35) establecía o 6-2, e Marcos, no minuto 49, facía o 7-2 definitivo. Ao acabar o choque, o pavillón Carballo Calero estalou de alegría. Tocaba celebración ao grande.