Aprobada a restauración de retablos en Bértoa e Cores

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

José Manuel Casal

Por outra banda, o Arcebispado tamén autorizou traballos en Cesullas, Ozón, Carnota ou Coristanco, entre outros puntos

19 abr 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O Arcebispado de Santiago autorizou a restauración dous retablos na parroquia de Cores, en Ponteceso. Un, o da capela da Ourada, cun orzamento de 13.415 euros, cunha subvención de 1.350. O outro é o lateral dereito da igrexa parroquial, que custará 14.498 euros.

En Bértoa, Carballo, o párroco solicitou -e logrou- permiso para arranxar outros dous retablos, proxecto que custará 29.403 euros. A subvención concedida é de 3.000 euros.

En Cesullas (Cabana) o párroco ten autorización para realizar diversas obras na casa reitoral, cun orzamento de 34.200 euros. En Ozón (Muxía), a Asociación San Martiño de Ozón pediu a cesión de uso gratuíta da casa reitoral, por un prazo de cinco anos, para actividades pastorais, e a resposta foi afirmativa. En Carnota, a entidade cultural e deportiva O Patín quere plantar 100 castiñeiros en terreo parroquia, e poderá facelo. En Erbecedo (Coristanco) tamén hai licenza para instala unha nova megafonía na Capela do Santo Anxo, cun orzamento de 1.440 euros. Pero non todo son visto bos no Arcebispado: un particular interesouse pola compra de casa reitoral de Ardaña (Carballo), e a oferta foi denegada.

Nomeamentos

Por outra banda, o Arcebispo de Santiago nomeou a Desiré Kouakou Tanoh, párroco de Cee, como arcipreste de Duio, e a Ramón Insua Lobelos, a cargo de Nemancos. Entre ambos os arciprestazgos aglutinan boa parte das comarca civís de Soneira e Fisterra. Ademais, dous vimianceses, Carlos Camiño Lema e Javier Carballo Mouzo, foron confirmados no lectorado dentro da súa formación como sacerdotes no Seminario Maior.

Finalmente, foi publicada a lista de sacerdotes que conmemoran a súa ordenación. As vodas de diamante (60 anos) celébraas Jesús Bello Mato, a cargo de Artes, en Carballo; José María Fontela Fernández, que se encarga de Xesteda e A Vila de Abade, e Luis Pastoriza Abelenda (Caión). As de ouro, Manuel Boullón González (A Laracha) e Luis Varela Rama (emérito de Mens). Prata, Alejandro García Touriñán (Salto) e José Manuel Varela (Ponteceso).