Ata pronto a Haruna, o mozo xaponés que conquistou Camariñas en menos dun ano
CAMARIÑAS
Unhas 60 persoas sorprendérona o sábado cunha cea de despedida: «Ai, a miña nai!», saíulle a ela da alma.
19 ene 2025 . Actualizado á 17:04 h.Nestes tempos de afectos volátiles, non deixa de chamar a atención que unhas sesenta persoas cadren día e lugar para tributarlle unha cea de despedida a alguén que coñecen de fai menos dun ano. Isto fala ben deles, pero sobre todo fala ben de Haruna Chatani, o mozo xaponés que, alá por marzo, chegaba a Camariñas con 28 anos, sen ter nin idea de español e movida só polo recordo duns días de turismo coa súa nai nesta localidade, e polo impacto que lle causou.
Haruna, formada en educación e arte, arribou á vila do encaixe sen falar español —pero si xaponés, inglés, ugandés, camboyano e italiano—, e irase dela sabendo tocar a pandereita e a gaita, expresándose nun castelán máis que entendible e un galego que por aí se percibe. Con aprendizaxe musical desde o berce, contaba o pasado maio para La Voz que non puido durmir a primeira vez que escoitou música tradicional galega. A conexión foi absoluta, e en todos estes meses a agrupación de gaitas Vaiche Boa de Xaviña e a de cantareiras Ou Cansorriño tiveron en Haruna a unha das súas máis entregadas alumnas.
O sábado ao mediodía foi o seu último ensaio, pero a emoción púidolles a todos, e apenas puideron se interpretar Camariñas e a música da danza de arcos do Carmen. Chatani pensaba que esa era a súa despedida, pero erraba: pola noite, decenas de persoas agardaban no Ibu de Xaviña para sorprendela: «Ai, a miña nai!», saíulle da alma ao velos a todos. «Ai, a miña nai», ao estilo de «mimadriña!» é unha expresión moi usada polos camariñáns que se lle prendeu pronto.
«Haruna é moi querida, meréceo todo, de verdade que si. É unha rapaza que transmite paz, alegría, gustaríanos tela aquí moito tempo máis, é do melloriño, unha artista», conta Dolores Lema Canosa. Entre ela e María Mouzo Canosa déronlle aloxamento e forxaron vínculos que tamén trasladaron a un grupo de andainas e viaxes. Haruna non se perdía nada. Dez meses déronlle para moito, pero, este luns 20 de xaneiro, emprenderá regreso a Xapón.
Virtuosa tamén da pintura, abondan uns minutos de conversación para decatarse da súa sensibilidade. Adora a palabra grazas, ten un «vibrato alto», publicou nas súas redes: «Os corazóns de todos son tan cálidos que o meu está farto de emoción, gratitude e amor», escribiu tras a sorpresa, que chegou a cualificar como «o momento máis feliz da miña vida»: «Son moi afortunada de poder conectar con estas marabillosas persoas, e os recordos que compartimos este ano serán un tesouro». Sente —e anhélao— que regresará, que este só foi o «capítulo 1» da súa historia galega.