Dous concellos e vinte particulares reciben axudas para combater o feísmo na Costa da Morte

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CABANA DE BERGANTIÑOS

ANA GARCÍA

Así o asegurou a delegada da Xunta, Belén do Campo, nunha visita a Cabana

11 may 2024 . Actualizado á 05:00 h.

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e o director do Instituto de Estudos do Territorio, Enrique de Salvador, visitaron Cabana e desde alí explicaron que dous concellos da Costa da Morte e vinte particulares recibiron axudas para corrixir impactos paisaxísticos e fomentar o «fermosismo».

Xunto con Cee, Cabana foi un dos concellos que se adheriron a esta convocatoria, recibindo 32.000 euros que permitirán renovar os acabados exteriores da escola unitaria de A Piolla, rematar a cuberta da reitoral de A Ameixenda e acondicionar a fonte de A Mata. Paralelamente, unha vintena de particulares de Cee, Coristanco, A Laracha, Muxía e Zas recibiron pola súa banda subvencións que alcanzan os 60.000 euros.

É o cuarto ano consecutivo que o Instituto de Estudos do Territorio impulsa esta medida e xa leva concedidas 2.374 axudas por importe próximo aos dez millóns de euros. A liña dirixida á cidadanía permite subvencionar actuacións sobre fachadas, cubertas e muros de peche, así como a retirada de elementos adyacientes aos bienes nos que se pretende intervir cando estes prexudican a súa imaxe ou causan algún impacto, como poderían ser galiñeiros ou muros a medio construír, por exemplo.

En canto ás actuacións promovidas polos Concellos, trataríanse de obras de índole menor que melloran o aspecto e a conservación de elementos etnográficos como fontes, lavadoiros públicos, palcos de música ou hórreos. Tamén serían subvencionables proxectos para renovar o acabado exterior de fachadas, cubertas e muros de peche de edificios municipais.

En detalle

O Concello de Cabana describiu os pormenores das intervencións. Na unitaria, limparanse as fachadas, aplicarase pintura plástica para exteriores sobre os recebos existentes, renovaranse os canlóns e rematarase co acabado exterior da cuberta con tella do país. Na reitoral de Ameixenda, tamén se limparán as fachadas para logo proceder a pintalas.

Pola súa banda, na fonte, acondicionaranse as bases dos valados que pechan o conxunto da edificación, rehabilitarase o elemento e os muros de pedra, selaranse as xuntas destes últimos con cores acordes e restauraranse os chanzos de cantería para, finalmente, reparar e instalar o valado de madeira que evita caídas.