Pican as rodas e pintan coa palabra «puta» o coche dunha concelleira do PP da Laracha

Antonio Longueira Vidal
Toni Longueira CARBALLO / LA VOZ

A LARACHA

.

Os feitos ocorreron na mañá de onte na localidade de Paiosaco, onde traballa a edila

03 abr 2025 . Actualizado á 14:23 h.

A concelleira do Partido Popular no Concello da Laracha Cristina Vieites Calvo foi vítima dun acto vandálico perpetrado contra o seu vehículo. Os feitos ocorreron entre as seis e a sete da mañá deste mércores en Paiosaco, nas inmediacións do lugar onde traballa a edila.

Unha ou varias persoas aproximáronse ao vehículo, estacionado nas inmediacións da AC-552, e picáronlle as dúas rodas traseiras e pintáronlle un dos laterais, onde se pode ler o termo «puta».

Cristina Vieites puxo a correspondente denuncia na Garda Civil da Laracha, onde investigan o ocorrido.

Este acto vandálico tivo unha rápida resposta por parte de compañeiros e compañeiras da corporación municipal larachesa. Empezando polo portavoz do BNG, Carolina Castiñeiras Brandón, quen mostrou a súa solidariedade coa edila: «Solidarizámonos con Cristina. Estas non son as formas de actuar e nós, como compañeiros de corporación, condenamos estes feitos». Tamén o fixeron, evidentemente, os seus compañeiros do Partido Popular, encabezados polo alcalde, José Manuel López Varela.

Cristina Vieites Calvo é toda unha veterana da política municipal larachesa. Naceu e criar na parroquia de Golmar e leva xa 18 anos como concelleira. É a número 12 nas listas do PP e traballa por conta allea nunha panadería da localidade.

Cristina Vieites deu a súa versión do ocorrido: «Avisoume un cliente de que tiña dúas rodas pinchadas e unha pintada que poñía "amiga puta" nus dos laterais». A concelleira deixou claro que este acto vandálico contra o seu coche non garda relación algunha coa súa actividade política, pero non puido ser máis precisa sobre as causas debido a que a Garda Civil investiga os feitos. A afectada tamén agradeceu todas as mostras de cariño recibidas, tanto desde o ámbito da política, como de familiares, amigos e veciños.