O Concello da Laracha investirá 40.000 euros noutra campaña de bonos para o comercio

La Voz CARBALLO / LA VOZ

A LARACHA

Plaza del Concello de A Laracha
Praza do Concello da Laracha Ana Garcia

Cada cheque terá tres bonos de dez euros para gastar en establecementos locais

12 may 2024 . Actualizado á 05:00 h.

O Concello da Laracha pon en marcha a segunda edición do programa «Eu merco na Laracha», que consistirá de novo nunha campaña de bonos desconto que se poñerán ao dispor da cidadanía para ser utilizados nos establecementos locais adheridos.

O executivo local destinará a esta medida 40.000 euros, que permitirán financiar 1.333 cheques con tres bonos de dez euros cada un. Se os usuarios fan unha compra de vinte euros, aplicaráselles un bono; de corenta, dous bonos, e se gastan sesenta ou máis euros, tres.

Nos próximos días publicaranse as bases deste programa no Boletín Oficial da Provincia, aclarando cuestións como que establecementos poderán sumarse á campaña, os requisitos que deberán cumprir os beneficiarios ou os prazos establecidos. «Eu merco na Laracha» terá a súa propia páxina web, na que se ofrecerá información sobre o programa e onde se poderán realizar todos os trámites.

Limpeza de soares

Doutra banda, o Concello volverá impulsar unha campaña informativa para lembrarlle aos propietarios de soares en zonas urbanas que deberán limpalos e mantelos en bo estado de conservación, seguridade e salubridade. Tamén lembra o consistorio que en caso de incumprimento, a Administración local «poderá proceder á execución subsidiaria dos traballos de limpeza, repercutindo os custes nos titulares dos terreos, e sen prexuízo da apertura de expediente sancionador».