Vilaño prepárase para a súa primeira Festa do Polbo, esta fin de semana

La Voz

A Laracha

ANA GARCIA

Será o domingo no pavillón do CEIP Ramón Otero Pedrayo

19 novs 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

A asociación cultural Adro de Vilaño -con renovada directiva- coordina para este domingo, 23 de novembro, a súa primeira Festa do Polbo, que se celebrará no pavillón do CEIP Ramón Otero Pedrayo da Laracha con apertura de portas a partir das 20.00 horas, e cea a partir das 21.25.

O menú, que custará 26 euros por comensal, incluirá mexillóns e entrantes, así como «polbo a fartar» elaborado pola pulpeira Juan Guerra, segundo indican desde a organización da cita. Viño, café, sobremesa e groliños completarán a cea, que incluirá un prezo especial para nenos de entre 5 e 11 anos, que pagarán só 11 euros.

Tamén se realizará un sorteo cunha gran variedade de premios e haberá unha zona de xogos e inchables para os máis pequenos, que estarán supervisados en todo momento por un monitor.

Ademais, e como non podía faltar a animación musical, actuará o Dúo Ciclón, que se encargará da ambientación musical nunha festa que promete durar ata ben entrada a madrugada.