As traballadoras do SAF fan folga para pedir seguridade tras o asasinato de Teresa González

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

ANA GARCÍA

O paso realizarase ao longo de todo o día de hoxe

13 ago 2025 . Actualizado á 05:00 h.

As traballadoras do SAF da Costa da Morte foron convocadas polo sindicato CIG a unha folga para esixir máis seguridade tras o asasinato de Teresa González, a compañeira que morreu no Porriño.

O paso realizarase ao longo de todo o día de hoxe e a forma na que afectará os usuarios está aínda por coñecer. Onte pola tarde os convocantes só recibira a notificación de servizos mínimos de dous concellos da Costa da Morte, os de Carballo e A Laracha. Sospeitan que nos demais se fará a través das empresas que realizan a prestación, pero non hai constancia oficial.

Desde a CIG, Adolfo Naya lembrou que o do SAF é un servizo esencial, polo que non pode recaer nas traballadoras a responsabilidade de decidir que accións son imprescindibles e cales non e que persoas precisan sen falta da atención e quen pode agardar un día, xa que o paso só durará unha xornada.

«Unha limpeza pode agardar, pero un cambio de cueiros non», explicou Adolfo Naya. Considera que é unha irresponsabilidade por parte dos concellos que non decretaron os servizos mínimos.

No caso de Carballo as esixencias son a realización de almorzo, comida e cea, pero con preparacións simples ou utilizando precociñados.

Polo que respecta á hixiene inclúese a persoal, o uso do aseo, a axuda para levantarse e deitarse. Tamén para vestirse e a toma de medicamentos. Tamén acompañamento para ir ao médico se non se pode postergar a cita.

Ademais haberá concentracións en Carballo (12.00 horas), Ponteceso (10.00), Malpica (11.00), A Laracha (11.00) e Cee (11.00, praza 8 de Marzo). Serán fronte aos consistorios.