Patricia Bello: «Recordo cando me quitaron as rodas de apoio e teño algunha ferida de guerra»

CARBALLO

O domingo terá lugar a 36.ª edición do Día da Bicicleta do Concello da Laracha
05 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O Concello da Laracha leva trinta e seis anos promovendo o deporte mentres presume de ciclistas e de lugares polos que pedalear. Todo iso se mestura no Día da Bicicleta con máis tradición da contorna, que volverá a celebrarse este domingo, a partir das 11.00 horas, podendo formalizar a inscrición unicamente na mesma xornada, dende as 9.30 horas. A concelleira de Deportes, Patricia Bello, leva varios anos sendo protagonista tamén entre o pelotón.
Onte, no Voces de Bergantiños de Radio Voz, falou dos seus primeiros recordos aos pedais: «Recordo cando aínda ía con catro rodas, e cando me quitaron os rodíns, primeiro dun lado e despois doutro, evolucionando pouco a pouco», expuxo Bello, que aínda garda marcas daquelas rutas na infancia e na adolescencia: «sobre todo no xeonllo teño unha ferida dunha caída nunha pista de gravilla en San Román, ía costa abaixo e freei co freo de adiante, pasou o que tiña que pasar».
Eran tempos nas que a bicicleta era moito máis que un medio para facer deporte, significaba seguro un medio de transporte e case de integración social. «Falabas cos amigos para ir a dar unha volta polos camiños, pero tamén era coa que iamos facer os recados ata a capital municipal ou á praia», recorda Patricia Bello, que lembra con especial agarimo a ruta que facían dende a parroquia ata o centro da Laracha, pasando pola parte de atrás de Montes Claros e San Román.
O domingo, en cambio, o percorrido será ben distinto, aínda que os máis fieis a esta popular xornada xa o saben de memoria. Comezará na Praza do Concello, pasará por Paiosaco e chegará a Caión. «Está adaptado a todos os públicos, porque non é unha proba deportiva, é un paseo a ritmo lento no que participan familias enteiras cun momento espectacular como é a baixada a Caión, da igual os anos que leves facéndoa», indica a concelleira, que resalta a alegría dos nenos e nenas cando a completan por vez primeira. «É un día para gozar en familiar, non importan as idades nin a condición física», expresa.
Colaboración e premios
Unha cita tan consolidada como esta é responsabilidade de moitas mans que axudan e de moitas voces que propoñen. «A implicación dos clubs aquí é unha pasada, participan todos os do Concello e sempre están dispostos a axudar no que faga falta. Nós cada ano nos poñemos en contacto con eles para avisarlles da data e que a difundan entre os seus membros, pero xa eles están moi pendentes», explica Patricia Bello, que destaca a acción das agrupacións ciclistas locais: «Están atentos a calquera pinchazo ou cando se desmonta unha cadea, porque para as que imos pouco en bicicleta poden ser incidentes que non saibamos solucionar».
Será, ademais, unha xornada con premio, co xa tradicional sorteo en Caión. «Haberá regalo a tódolos participantes e varios premios». Tamén haberá autobuses para volver dende Caión ao lugar de saída.