O festexo do Carme comeza a tomar corpo na Costa da Morte 

La Voz CARBALLO/ LA VOZ

CARBALLO

Hoxe volverá ser día de minidanza de arcos en Camariñas
Hoxe volverá ser día de minidanza de arcos en Camariñas BASILIO BELLO

Corme, Camariñas ou Zas acollen xa os primeiros avances desta celebración. Non son as únicas citas 

15 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe • Ademais do curso de verán sobre dinamización lingüística que volve hoxe a Carballo —ver página aquí—, estas outras citas a martes día 15 de xullo na Costa da Morte:

Camariñas Faltan horas para un dos días máis grandes en Camariñas, o do Carme. As festas na honra da patroa dos mariñeiros, non obstante, comezan xa hoxe. Ás 12.00, minidanza de arcos de nenos e nenas do campamento de verán municipal. Logo, ás 13.00, entrega do galardón de Camariñán do Ano na Praza do Concello, que este ano recae no Camariñas CF, gañador da Liga da Costa e conxunto que volveu á primeira Futgal. Practicamente todos os seus xogadores son locais. Terán os nenos de 17.00 a 20.00 colchonetas na Praza do Mercado, e ás 19.30 haberá un pasarrúas pola fachada marítima a cargo da charanga Louband.

Cee Ás 20.30 horas, na Praza da Constitución, presentarse o libro A Costa da Morte, da fotógrafa mexicana Eloísa García Guerrero. Estará acompañada pola docente Alicia Rodiño; a concelleira de Cultura, Luísa Rodríguez, e a alcaldesa ceense, Margarita Lamela. A obra, da que xa se vai pola segunda edición, chega agora a este territorio que inspirou o traballo da autora, cunha primeira visita á zona no 2020. Xa pasou co libro por México ou Madrid, ofrecendo un percorrido visual polo litoral galego, dende esta comarca ás Rías Baixas. Acompañan versos de María A. Cancela.

Zas Botan a andar as festas do Carme, unhas celebracións de lonxeva tradición. A proposta para hoxe pasa por unha verbena coa orquestra Alaska. Mañá, o día grande.

Corme Comezan tamén as festas do Carmen nesta localidade, hoxe con verbena a cargo de Mega CDC, Kike Varela e o DJ Beny. Deixan para mañá o groso do programa.

Malpica Entre as iniciativas para este verán do Concello de Malpica están sesións de xogos na praia Area Maior. Comezan hoxe, de 11.00 a 13.00, para nenos de 6 a 14 anos. Os interesados deben inscribirse nas oficinas do Concello antes das 12.00 do día anterior. É de balde. Haberá xogos os martes e os xoves deste mes de xullo.

Laxe e Cabana • Ioga. En Laxe, na Praia dos Cristais, ás 20.00, con inscrición en turismo@laxe.es ou no 981 706 903. En Cabana, na praia do Pendón, ás 19.00 horas.