David Alfoz acabou coa súa vida cunha soga atada a unha colleitadora, mentres a súa morte case se retransmitía en directo mediante unha historia de Instagram. A crueldade da vida aniña nesa imaxe acompañada dunha despedida que asemella máis un dorido epitafio. David loitou contra os tecnócratas que gobernan a política agraria común dende unha butaca cómoda de oficina en Bruxelas. Loitou contra un agro en decadencia e foi amoestado e sancionado en reiteradas ocasións. Cando non había efectivos en Valencia, tractores particulares como o de David foron os que se meteron na terra, no lodo, na desidia que inundaba unha Valencia sometida. Para el non houbo loanzas, senón represalias. Enfrontarse unha e outra vez á fusta da burocracia xurídica e ao desamparo.
Falan de que a xuventude non serve. Falan da importancia da saúde mental como piar fundamental. Falemos de que David estaba tocando fondo e ninguén puido ou soubo axudarlle. O relevo xeracional non existe e persoas coma el son asoballadas ata que non queda nada entre multas e represión. Encantaríame que este debate se trasladase ás nosas Cámaras, ao Congreso, onde ultimamente non abunda oratoria senón máis ben insultos, demagoxia e pouco saber estar. Alí non poden falar dunha morte da que son directamente responsables por antonomasia. Tampouco son capaces de sacar a relucir unha verdade imparable: cada día máis de 10 persoas suicídanse en España, o dobre ca en accidentes de tráfico. Son mortes silenciosas, cheas de eufemismos, porque así nos convén. Non se enganen, por ese fragmento de tolemia e desesperación, podemos pasar calquera.