Corme acude á gran pantalla para conectar co territorio

CARBALLO

BASILIO BELLO

«Cine e fotografía sen cámara: do orgánico ao mecánico» é o obradoiro que impartirá dende hoxe ao domingo na vila

06 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

 Despois do éxito da pioneira edición que se levou a cabo o ano pasado, Corme volverá a ser escenario esta semana dun obradoiro dedicado ao cinema analóxico. Trátase, novamente, dunha prolongación da proposta educaditva do (S8) Mostra de Cinema Periférico da Coruña, que se despraza un ano máis á Costa da Morte.

Baixo o título Cine e fotografía sen cámara: do orgánico ao mecánico, esta iniciativa será impartida pola artista visual Deneb Martos, especializada neste terreo a través de técnicas tradicionais e sostibles. A súa obra ten estado en citas como FilMadrid, Kontake'17 (Berlín) ou MUTA (Lima), entre outros grandes eventos. Ademais, coordina actualmente o Laboratorio Audiovisual de Creación y Práctica Contemporánea.

Martos propondrá aos asistentes en Corme diversas dinámicas para ir máis aló da aprendizaxe técnica, facilitando o traballo colectivo, a escoita e a conexión co territorio. A actividade, de feito, contará coa colaboración da confraría local, da asociación Ínsua de Viastela e de Suso Lista.

Trátase dun proxecto que forma parte do eSe8_LAB e que conta co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia.