
Xa hoxe haberá actividade por Vimianzo: ademais dos Pinchos Irmandiños, celebrarase a Tarde-Noite Meiga
03 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A organización do Asalto ao Castelo de Vimianzo informou onte de que se esgotaron tódalas entradas dispoñibles para os concertos e a representación da noite do sábado. Á venda na plataforma Woutick, a última xeira de pases foron despachados nos primeiros días desta semana, mais aqueles que non deran conseguido mercar, aínda terán a posibilidade de sumarse aos concertos da noite de mañá, venres, trala Cea Medieval. Actuarán Monoulious Dop, Che Sudaka e La Yaya DJ e, neste caso, o acceso será totalmente libre e gratuíto.
The Rapants e Heredeiros
Non así para as actividades da noite do sábado, comezando polas actuacións de Alana e The Rapants (20.30 e 22.00, respectivamente), seguindo pola propia representación teatralizada do Asalto (23.30) e concluíndo na traca final a cargo de Heredeiros da Crus, Firkin e Mekanika Rolling Band (1.00, 02.30 e 4.00 horas).
O programa de hoxe
Mais a actividade estará enchendo Vimianzo dende moito antes. Comezaron o martes a servirse os Pinchos Irmandiños, e hoxe terá lugar no foxo do Castelo a terceira edición da Tarde-noite Infantil Meiga, na que a rapazada será a protagonista de cinco da tarde a dez da noite. Pasarela de moda, esconxuro da limoada ou baile da revolución son algunhas das propostas das que gozarán os participantes ao longo da velada, xunto con outras dinámicas e xogos de temática irmandiña.
Ademais, polas rúas levaranse hoxe a cabo o duodécimo Espazo Artístico Itinerante e o décimo Des-enterro Irmandiño, ambos ás oito da tarde, así como o terceiro Aquelarre de Ánimas de Palleiro para o Chamamento á Loita, neste caso, ás once da noite na Praza do Concello.