Ariel Rot, el incombustible

Santi Pazos

CARBALLO

BASILIO BELLO

A crónica de Santi Pazos | O público puido gozar dunha especie de guateque atemporal na praza carballesa

27 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Mentres comezo a escribir este artigo escoito de fondo, non a Ariel Rot, senón o New York de Lou Reed. Son os prolegómenos imprescindibles para quentar motores. A ese incombustible Ariel escoitareino no seguinte parágrafo. O rock and roll é unha relixión na que non coñezo ateos. Renegados si. Pero tamén é certo que se nos remiramos permanentemente nos mil espellos que nos teñen espiado, a calquera lle tremen os osos. Para min, que nunca fun de bailar nas prazas dos pobos e tampouco de saltar moito, debo recoñecer que «los golpecitos de tequila con tónica» acompañaron noites moi divertidas e diversas.

Os outros Tequila, para que mentir, non estaban na miña banda sonora. Desde logo, non como ingrediente principal. Algo sen importancia planetaria, xa que teño que recoñecer que forman parte dunha historia musical na que os meus gustos carecen de importancia. Sen embargo, eses Rodríguez sen documentos foron un descubrimento feliz. Por Calamaro, obviamente, pero tamén por Ariel Rot. E saber que colaborara con Moris en Fiebre de vivir, (Sábado a la noche, ya cobré...), fai que Ariel sexa un referente e forme parte da miña íntima cultura musical.

Tiven a sorte de coincidir con el en Bos Aires no ano 1986, acompañados polo grupo Gabinete Galigari, que actuarían eses días invitados pola UIMP, e outros amigos como Vico Fernández, Laura Buccelato e Quico Rivas. Recordo que a invitación para ese concerto era un deseño de Victor Coyote (gran amigo do Corruncho Pop carballés). Unha época na que Tequila xa non existía e Ariel exploraba camiños máis persoais. Arxentina, a súa terra, tamén, con Raúl Alfonsín como presidente. Daquela xuntanza, por certo, saíu unha boa amizade, que perdura, entre Jaime Urrutia e Ariel Rot. E tamén, non quero esquecelo, a maior exposición do gran artista arxentino Alberto Greco en Madrid, a descuberta persoal dos tangos da gran Tita Merelo, (grazas a Ernest Lluch), e a sorpresa inesquecible de escoitar e bailar con La Mona Jiménez. Historias de xentes que pasamos dos sesenta, vaia!

Referentes

Pero centrémonos. Con respecto a este concerto en Carballo hai que sinalar que cando unha gran banda de rock, como a que escoitamos o martes de San Xoán, demostra ese poder musical enriba dun escenario non toca outra que moverse e aplaudir con ganas pedindo un bis. E, a tenor dos comentarios de bos músicos locais presentes que respecto enormemente, tanto o son e voz, como a execución instrumental foron excelentes.

Por alí pasaron unha chea de referentes musicais, a modo de homenaxe, cos que Ariel ten colaborado. De feito, tiven a impresión de estar participando nunha especie de guateque atemporal. Xa citei a Tequila, Los Rodríguez ou Moris, mais tamén apareceu Sergio Makaroff (enorme). E moitos temas de autoría propia que demostran que a profesionalidade deste músico universal é admirable.

Satisfacción

Estiven a gusto, había xente, pero tiñas espazos para moverte e bailar gozando do que estabas a escoitar. Eu, que me considero bastante sensitivo, notaba que os veciños de concerto estaban a sentir certa satisfacción interior sen necesidade de poñerse a saltar como cando tiñan vinte anos. Os desa idade esperarían algo de bachata e reguetón para bailar na Praza do pobo. Nós, os outros, escoitamos «Quiero, quiero besarte», aplaudimos coas mans levantadas, tan contentos. Estupendo Ariel Rot, por moito que me fora imposible revivir persoalmente aquel encontro na Recoleta bonaerense. Outra vez será, ou non! O importante é que como a maioría dos rockeiros non morrerá nunca. Apertas.